A Coruña: recital poético-musical no 25 cabodano de Miguel González Garcés

OMiguel González Garcés venres 12 de decembro, ás 19:45 horas, no salón de actos da Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, terá lugar un recital poético-musical en lembranza do escritor Miguel González Garcés, o mesmo día no que se conmemora o vintecinco cabodano.
O acto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega coa colaboración da Biblioteca, contará coa intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, e estará coordinado e presentado por Francisco X. Fernández Naval. Participan:

Luz Pozo Garza.
Xulio López Valcárcel.
Lino Braxe.
Olga Patiño.
Miguel Mato Fondo.
Estíbaliz Espinosa.
Manuel Rivas.
Miguel Anxo Fernán-Vello.
Ánxeles Penas.
Xavier Seoane.
Manuel Álvarez Torneiro.

Coa música de César Morán e Xosé Taboada.

MIGUEL GONZÁLEZ GARCÉS (A Coruña, 1916-1989), é unha das voces poéticas máis singulares e senlleiras que deu a cidade da Coruña. Poeta, articulista, dinamizador cultural, a súa figura está vinculada ás de Urbano Lugrís, Antón Avilés de Taramancos ou Manuel Álvarez Torneiro, pero tamén a autores das xeracións posteriores, escritores máis novos cos que sempre mantivo unha relación de interese e de amizade.
Foi director da Biblioteca Pública do Estado na Coruña -hoxe de xestión compartida coa Xunta de Galicia- que leva seu nome, como o leva a rúa na que está situada. Historiador e cronista da Coruña, foi o presidente da Asociación Cultural Iberoamericana.
Autor dunha ampla obra, escrita en castelán primeiro e en galego a partir da década dos sesenta, a súa é unha literatura dos sentidos, da alegría de vivir, do cotián, na que a cidade está sempre presente.

MiguelGonzalezGarces_RecitalHomenaxe25Cabodano