A Coruña: Obradoiro Literario Itinerante A Coruña e o Mar, a cargo de Xurxo Souto

OObradoiroAELG-XurxoSouto-GADIS-2014-banner Obradoiro Literario Itinerante A Coruña e o Mar, a cargo de Xurxo Souto, organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, dentro da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, co patrocinio de Gadis, é un convite a desenvolver a creatividade literaria de cada un de nós.
Xurxo Souto insiste nos argumentos que lle son máis queridos: A Coruña e o Mar. Unha descuberta de dúas facianas desta cidade-barco, mediante dúas rutas ben diferentes cara o noso espazo interior:

A cidade é un libro que se le camiñando

Agustín Fernández Paz

Sábado, 13 de decembro
Tras das pegadas do Antigo Gremio de Mareantes, ou como a Cidade Vella e a Peixaría están inzadas de referencias náuticas que hoxe xa non sabemos ver.
Saída ás doce da mañá, dende o “Pórtico de San Andrés”.

Sábado, 20 de decembro
A toponimia das pedras percebeiras da península da Torre, ou o encontro co Mar Maior a poucos metros do centro mesmo da cidade.
Saída ás doce da mañá, dende o cargadoiro de pedra da Praia de Santo Amaro.

O obxectivo final deste obradoiro será realizar dentro dunhas semanas un recital ou lectura pública dos textos que xurdan tras destas dúas viaxes. Máis argumentos para seguir conformando (polo rego de Urbano Lugrís, Monterroso Devesa ou Luísa Villalta) a gran rapsodia da cidade-barco.

Cómpre acudir con papel e lapis, e en disposición de escribir e debuxar camiñando. En caso de que o mal tempo non permitise realizar estes paseos, as sesións do obradoiro desenvolveranse no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa dos Olmos, 16)

Para persoas a partir de 16 anos.

Inscrición no 981 133 233 ou oficina@aelg.org

ObradoiroAELG-XurxoSouto-GADIS-2014-150ppp