Manuel María: “Os poetas novos falan menos de literatura”

DesdeManuel María BiosBardia, por Manuel Veiga:
“O 2016 será o Ano Manuel María na cultura galega. O autor chairego será homenaxeado o próximo ano co Día das Letras, doce anos despois da súa morte. Recordamos varias chaves do seu pensamento literario e experiencia vital publicando esta entrevista que saíu hai case vinte anos no semanario A Nosa Terra, concretamente no número 690, do 7 de setembro do 1995. Unha boa oportunidade de coñecer máis un poeta pendente do seu tempo, que sempre se negou a construír calquera torre de almafí. (…)
– A Nosa Terra (ANT): O día 15 [de setembro de 1995] recibirá unha homenaxe de moitas e variadas persoas deste país. Quizais ese consenso ao redor seu teña que ver co feito de que vostede foi considerado sempre un poeta da Terra, no sentido que lle deu Otero, e do pobo, en virtude da súa sensibilidade para coa colectividade á que pertence. Esas características foron esquecidas polos escritores máis novos?
– Manuel María (MM): Teríano que contestar eles. Pola miña parte, podo dicir que sentín desde rapaciño a conciencia de pertencer a unha comunidade e, por outra banda, deime de conta de que esa comunidade non estaba normalizada. Pareceume o máis natural denunciar esta situación precaria e dicirlle á xente que nos xogamos mesmo a nosa sobrevivencia. Dentro desa loita que falabamos antes contra a morte, os individuos tamén se salvan non só individualmente, senón tamén colectivamente. Se o teu pobo é algo na historia élo ti tamén. Ora, estar de parte dos que padecen a historia sempre trae un conflito e estar do lado dos que a fan pode traer prebendas. Hoxe o escribir en galego pode dar diñeiro en canto os teus libros vaian ao ensino, iso pode crear uns intereses e a decisión de non tocar nada que moleste o máis mínimo a un poder que, en definitiva, é alleo a nós. (…)
– ANT: Entre as persoas que admira da época, quizais destaquen Maside e Otero.
– MM: Maside foi quen máis influíu en min como persoa. Era serio e tímido. Tiña duas eivas: unha tuberculose e unha diabete, polo que facía unha vida moi ordenada, aínda que era un gran fumador. Cando chegamos a Santiago, Novoneira e máis eu comezamos a falar con el e a intimar. Emprestounos moitos libros galegos da súa biblioteca, case todos os que publicara Nós. Tiña unha sólida formación intelectual e moitos contactos, por exemplo co PC. Foi o que me explicou o que era o marxismo. Porque nós tiñamos un trato grande con Piñeiro e el dicíanos que o marxismo, en canto que se definía como universalista, non casaba co nacionalismo. Tamén nos deu notícia de xente que estaba en América, como Seoane, Dieste ou Lorenzo Varela, que eran os que non adoitaban citar os do grupo Galaxia.
Otero tamén tiña as súas prevencións a respecto desta xente. A convivencia con Otero resultaba moi grata. Pese aos seus longos monólogos era moi observador, non se lle escapaba nada e tamén escoitaba, aínda que non sei como, nin cando. Era moi xeneroso e non falaba mal de ninguén. Se alguén lle fixera dano dicía que á xente había que comprendela que debía un poñerse no seu lugar, que ás veces a necesidade… Un día na casa de García Sabell, despois de xantar, e de tomar uns grolos de augardente de herbas, fitou para a copa de cristal tallado e botou un discurso moi florido sobre as esencias do outono que alí se reflectían, etc. Rematou dicindo que el estaba alí porque era un vello que aínda decoraba unha mesa. Ou seña que era moi conscente de todo. (…)
– ANT: Ten afirmado que os escritores de linguas periféricas en Madrid non se len nin traducidos.
– MM: Si, creo que é asi. Pásalle mesmo aos portugueses. Vennos como uns tipos raros que están metidos nun cortello e escriben nun dialecto vernáculo. A proba son as escasas traducións de calquera destas linguas ao español. Teño estado en bastantes congresos en Portugal e os poetas de lingua castelá sempre me deron a impresión de que se comportaban coma se estivesen nun país conquistado, sen participar nas discusións, tomando a broma a cultura portuguesa e mesmo con actitudes descorteses, en xeral. Hai anos, nun destes encontros, e con presenza de poetas de toda Europa, cantou para nós o Fado Universitário de Coimbra, que só actúa en ocasións moi excepcionais. Deuse a casualidade de que de cinco escritores casteláns, algúns de renome, ningún asistiu. Algo que os amolaba moito nos congresos é que, cando interviñan eles, os portugueses non poñían os auriculares de tradución simultánea e, cando falaban os portugueses, eles tiñan que poñelos porque non entendían nada. (…)
– ANT: A literatura galega de hoxe abala entre a poesia hermética e a novela de supermercado. Vostede que coñeceu épocas moi diferentes, a que pensa que se debe?
– MM: Á poesia fóronlle sacando mercado. Deixouse de promover e de ler nos centros de ensino. O libro que se vende, non só o galego senón tamén o de castelán, é o que vai aos centro de ensino. A xente escribe novelas para gañar un premio que agora empezan a estar ben dotados, malia que Paco Vázquez fixera o que fixo, ou para metelos nos colexios. Paréceme tamén unha mentalidade trabucada esa de facer as cousas simples para que as entendan os rapaces. Simplificar non é sempre clarificar senón empobrecer. Sobre a poesía, coido que hai un afán de orixinalidade e tamén moitos poetas que son profesores e caen un pouco no exercicio literario. Na miña opinión, hai algúns novelistas moi bos e algúns poetas que me gostan moito que teñen un verso moi claro, honrado e cun gran dominio da composición. Estou a pensar en Fiz Vergara Vilariño, en Darío Xohán Cabana, en Antonio Tovar, que ten un libro asombroso: A nada destemida, ou mesmo en Rodríguez Baixeras que é un bon sonetista. E xa apuntan algúns novos como un dos irmáns Villar. Claro que despois da xeración espléndida que houbo na posguerra, con Cuña, Novoneyra, Ferrín, Bernardino Graña, García Bodaño, Celso Emilio Ferreiro ou Díaz Castro, que foron grandes poetas, pois o de agora pódese considerar unha focha que se superará. (…)”