Artigo de Henrique Alvarellos en El Correo Gallego:
“Non tivo moito eco, ata agora, nos medios de comunicación, mais foi unha nova sen precedentes. Un fito que podemos cualificar de histórico. En Galicia, falar de unión e fuxir é todo un, pero a pasada semana tivemos unha gran excepción. Chámase Gala do Libro Galego e será unha festa literaria que terá lugar en maio de 2016. Nela recoñeceranse as mellores obras publicadas en Galicia durante todo este ano. Para organizala e celebrala puxéronse de acordo, fusionáronse, os tres grandes gremios do sector do libro en Galicia: a Asociación Galega de Editores, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia.
Ata hoxe, cada un organizaba as súas propias galas, entregaba os seus respectivos premios, elexía aos seus xurados e buscaba, por separado, cadanseu financiamento. Así se foron celebrando, todos estes anos, os Premios da Edición, os Premios Irmandade do Libro, e os premios da AELG. Os tres tiñan un obxectivo común: recoñecer os mellores traballos de creación escrita galega e visualizar o mundo do libro e da lectura.
Non tiña sentido seguir así. Por iso, o pasado venres déronse cita os tres colectivos no Consello de Cultura Galega e presentaron o acordo. “O resultado non é o dunha suma senón o dunha multiplicación”, afirmou acertadamente Cesáreo Sánchez Iglesias, responsable da Asociación de Escritoræs.
Uns días antes tiña lugar, tamén no Consello da Cultura Galega, un simposio sobre o futuro das feiras do libro, organizado polos Editores. Tocoume participar nunha das mesas redondas, con outros editores e libreiros. Todos estivemos de acordo en que as feiras, tal e como hoxe estaban concibidas, non teñen futuro, que deben ser repensadas, e que nese renacer é imprescindible a unión, o camiño xuntos, polo menos, destes tres grandes colectivos organizados no sector do libro en Galicia. (Mais, tamén, outras asociacións ou agrupacións de ilustradores, distribuidoras, tradutores, críticos, impresores, etc). Esta primeira e unitaria Gala do Libro Galego de maio de 2016 será o inicio, sabémolo, de moitas outras actuacións conxuntas. Xogámonos o futuro da nosa cultura escrita. Falamos dunha industria, a cultural, a da palabra, que é riqueza económica para un pobo. E falamos tamén de algo tanto ou máis importante que esa riqueza: é a cultura da paz, pois non hai outra dentro dos libros.”