Entrevista a Isidro Novo

Entrevista Isidro Novoa Isidro Novo en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que representa para ti a literatura?
– Isidro Novo (IN): A literatura consta de moitos apartados diferentes e segundo en cal estea metido supón unha cousa ou outra. Ás veces é un gozo pleno e outras un gozo subliminal produto do desafogo. Na narrativa exploro os mundos, reais ou non, que me interesan e na poesía pretendo tocar o intanxíbel e ver o que ninguén ve. De todas maneiras tamén fago conscientemente versos que non teñen que ver coa poesía alta, pero que me serven de alivio e de exercicio.
– P: E que é para ti a oralidade, a literatura popular?
– IN: É a base de todo tipo de literatura nacida posteriormente. É o punto de partida da peregrinaxe, a castaña do marron glacé, a escritura do alento.
– P: Que perspectiva tens sobre o processo de criação literária e cultural, num sentido amplo, e nomeadamente no referente à oralidade?
– IN: Eu nunca baseei as miñas aspiracións literarias na convencionalidade de convencer, senón en ser orixinal e distinto. Sempre tiven a narrativa como un marabilloso instrumento para experimentar xéneros e formatos e concibín a poesía como un ídolo encantadoramente perverso que demanda de cada pouco unha oración máis nova e sorprendente. Quizais me dea algún día destes por poñerme de brincadeira co teatro, pero a ver se me decido. Á oralidade cheguei inducido sobre todo polo amigo Reigosa e como espectador e xa unha miga coñecedor, debo dicir que o onte e o antonte recollido paga a pena e que a xente nova que se dedica a ela ten adaptado o seu repertorio á época, ademais de anovalo constantemente. Hai verdadeiros fenómenos contando, cantando, regueifando… Outro vínculo que teño coa oralidade é o abeiro que temos na AELG para as palabras que están ao ventimperio, sen dicionario que lles dea acubillo. Ese albergue chámase Palabras con Memoria, así que se alguén coñece algunha palabra náufraga ou vagabunda, os da AELG tratarémola co cariño e a consideración que merece. (…)
– P: Fala-nos da tua experiência de valorização e divulgação destas formas culturais (Polafías da AELG, etc.)…
– IN: O das Polafías é un grande invento do Reigosa e para min merece a maior das louvanzas, porque te achega á xente que ten contacto directo coa oralidade. Considero un pracer ir a diferentes lugares da nosa xeografía a escoitar os seus cantos e contos, ademais de poder lerlles o que un día un paisano dese sitio concreto escribiu, o que dixo do seu tempo, dos seus veciños, das súas circunstancias. Para min, as polafías, son, no seu conxunto, como xa dixen, do máis pracenteiro, soamente teñen un defecto, están programadas para hora e media e sempre acaban sendo tres. Pero os locais sempre están cheos e agás casos moi illados, a xente aguanta ata o final e mesmo pide recunque. (…)”