Celebrando o aniversario de Lois Pereiro por todo o mundo

Desdelois-pereiro Sermos Galiza:
“Hoxe Lois Pereiro cumpriría 58 anos, polo que amigos en todo o mundo organizan unha serie de actos até finais de mes en homenaxe baixo o título de Cicloxénese Cultural Explosiva.
Iso inclúe un ciclo de conferencias e intervencións na Universidade de Vigo, exposicións en Monforte e nas Universidades de California (UCLA) e Connecticut (UConn), concertos en Nova York e un recital escénico na Coruña.
Os actos comezaron onte segunda feira no pavillón central da Universidade de Vigo, coa inauguración da exposición “Siluetas Furtivas: I Certame Cicloxénico de Ilustración e VideoCreación”, unha performance e estrea en España do documental Desaparecidos, de Carla Navi.
Hoxe as actividades durarán todo o día e estarán centradas na música. As Siluetas Furtivas son obras gráficas ou audiovisuais sobre a vida ou a obra do poeta monfortino que remitiron distintos artistas ata o 31 de xaneiro. Desde entón, nas redes sociais foise realizando unha votación para seleccionar as favoritas, que son as que se expoñerán na Uvigo, UCLA, Uconn e Monforte. As favoritas de público e xurado levarán premios cedidos por artistas como Antón Patiño ou Emilio Cabezas, ou por iniciativas como Curtopía, Revista Luzes e BöömDïäS. Tamén serán editadas por Astromántica Cartoneira.
En NY, os grupos musicais Fluzo e Xenderal actuarán esta fin de semana no Palisades de Brooklyn e no Silvana de Harlem baixo o título Galician Cultural Cyclogenesis. Finalmente, na Coruña, a finais de mes, Lino Braxe dirixirá un recital escénico coa participación da xeración máis nova de creadores, chamado 20 voces por L@is, en referencia a que este ano tamén se cumpre o 20 aniversario do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2011.”