Rosalía Fernández Rial: “No meu caso a faceta educativa e a creativa son, no fondo, o mesmo”

Entrevista Rosalía Fernández Riala Rosalía Fernández Rial en La Voz de Galicia:
Rosalía Fernández Rial está acostumada a moverse entre distintos mundos que acaban por fundirse nun só. A súa dobre orixe, carballesa e muxiá, foi quen de inspirar unha irmandade artística entre as dúas localidades. E a súa paixón polas artes escénicas e a súa vocación docente lle permitiron alumear unha orixinal tese doutoral -que defendeu con éxito hai poucos días na Facultade de Ciencias da Educación da USC- na que avoga por «unha metodoloxía nova para ensinar linguas que se fundamenta no uso da expresión dramática teatral». O seu paso polo IES Parga Pondal co seu traballo de fin de máster foi o xerme desta tese á que dedicou catro anos da súa vida, pero que non lle restou forzas para canalizar as súas inquietudes artísticas por eidos diversos.
De feito, explica que non existe dicotomía entre a súa formación no eido da docencia e a súa vea creativa: «En realidade é o mesmo; o produto é o mesmo, pero contemplado desde distintos puntos de vista porque se na actividade artística traballo o poético, o literario e a expresión dramática e a linguaxe escénica, no enfoque didáctico fago o mesmo pero dedicado á comunidade educativa. As ferramentas coas que traballo son comúns».
Sen abandonar a poesía, ten transitado tamén cos seus versos e da man do pianista Serxio Moreira por territorios sonoros. O seu proxecto conxunto ELO figura na relación de candidatos dos premios Martín Códax. «Non esperaba estar para nada nunha categoría musical deste tipo. Si que fixen conservatorio, sempre me gustou a música e foi algo importante na miña vida, pero máis a nivel persoal que a nivel profesional. Sempre me centrei no literario, pero é certo que nesa mestura de linguaxes ao final foi confluíndo na musical dun xeito sorprendente».
Proba diso é Catálago, un proxecto expositivo no que comparte espazo con Mon Lendoiro, Chiña e Paco Souto tendendo «pontes» para crear entre os catro «un novo produto nunha dimensión interdisciplinar», é outro exemplo da súa capacidade para aproveitar sinerxías. Os resultados pódense ver no Pazo da Cultura de Carballo desde o día 3 deste mes e para o luns 28 os catro teñen previsto poñer en escena unha performance conxunta.
«Sempre hai que negociar pero iso forma parte da propia vida e da propia existencia. Precisamente nese camiño, nese proceso que se vai tecendo é cando a obra pasa a ser algo conxunto e os puntos de encontro sempre levan a mellora». (…)”