Coñécense os gañadores do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

Oscertame manuel murguia de arteixo vencedores 2016 por nifunifa premios do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía coñecéronse durante a cerimonia celebrada durante a noite do venres 13 de maio en Arteixo. Durante o acto de entrega, que foi comandado polo profesor e escritor Henrique Rabuñal, o novo coordinador do certame, Alfredo Ferreiro, presentou o volume A garza insomne, que recolle os nove relatos finalistas das anteriores tres edicións, e sobre o que valorou “a colaboración do fotógrafo Xacobe Meléndrez, cuxa garza real destaca na portada do libro; e tamén, desde logo, o traballo esmerado e rigorosamente profesional de Galaxia, editora que nos honra colocando o noso libro na súa colección literaria principal, o que asegura a súa máxima divulgación”. O escritor Xavier Alcalá falou en representación da editorial e confirmou o interese da de Galaxia en apoiar os criadores e as criadoras do país dentro e fóra do mesmo, para o que está empeñada na actualidade na súa modernización e internacionalización, especialmente nos mercados hispanófono e lusófono.
A continuación o coordinador leu a acta do xurado, composto polos escritores Teresa Moure Pereiro (escritora), Marcos Sánchez Calveiro (escritor), Antonio Piñeiro Fernández (gañador da 24ª edición) e Alfredo Ferreiro (coordinador que asistiu como secretario, con voz e sen voto), en que se revelaba que por unanimidade debían os tres premios ás seguintes obras:
– 1º Premio, con 4.000 € e a publicación da obra, para o relato “Hai patios de luces tristes”, de Diego Giráldez.
– 2º Premio, con 500 € e a publicación da obra, para o relato “O mérito da chuva”, de Carlos Quiroga.
– 3º Premio, con 300 € e a publicación da obra para o relato “A aranha de Sidney”, de José António Lozano.
O evento contou coa actuación musical do grupo 4 jazz, que interpretou temas con letra de Manuel María así como outros do canon lírico galego, portugués e brasileiro.
A velada, que tiña comezado coa plantación dunha árbore conmemorativa do 25 aniversario do Certame, luce unha placa en que pode lerse: “Con raíces na Terra / a lingua medre / e a literatura floreza”. Como fin de festa, celebrouse un ágape na sala de exposicións do Centro Cívico.
A esta edición do certame presentáronse 72 orixinais, dos que 60 foron seleccionados para a valoración do xurado por cumpriren debidamente as bases.
A foto dos autores premiados é de Nifunifa.