Entrevista de María Alonso a Yolanda Castaño desde Escocia

EntrevistaYolanda Castaño de María Alonso a Yolanda Castaño desde En Escocia en galego:
“- María Alonso (MA): Durante este mes de setembro serás unha das Hawthornden Fellows, como tamén o foron no seu día Olive Senior ou Alasdair Gray. Cales son as primeiras impresións da túa estadía?
– Yolanda Castaño (YC): Esta é a miña cuarta bolsa internacional de creación en residencia. A primeira foi no centro internacional de escritor@s e tradutor@s de Rodas, a segunda na Villa Waldberta de Múnic, a terceira foi no Home of International Poets de Pequín, e agora fun convidada durante este mes de setembro a realizar esta estadía no Hawthornden Castle. Todas estas experiencias como escritora en residencia foron grandes impulsos para a miña escrita. Este tipo de proxectos para apoiar a produción literaria parécenme apaixonantes. Noutros eidos culturais como poden ser o da música ou o do teatro si que hai un recoñecemento a este proceso de produción, pero no ámbito da literatura hai un baleiro moi grande neste aspecto. O produto final literario, en moitas ocasións, é o resultado da privación de tempo de lecer ou tempo coa familia. É preciso contribuír e axudar ao desenvolvemento do proceso creativo para que este traballo non se converta nun labor invisible. Un apoio á produción literaria na nosa realidade significaría un cambio de paradigma. Farían falla medios para que se poida levar a cabo a escrita creativa nas condicións óptimas. Isto é exactamente o que acontece nestas estadías en residencias nas que participei. Este tipo de residencias afástante durante un tempo da túa vida diaria, dos teus quefaceres, das túas distraccións e todo isto faise para poder ser escritora a tempo completo. É por esta razón que para min estas oportunidades resultan moi produtivas porque podo aproveitar o tempo ao máximo para sacar adiante moito traballo de creación. (…)
– MA: Existen algúns exemplos de residencias en Galiza, como podería ser a de Axóuxere e pola que pasaron, entre outr@s artistas, Irene La Sen ou Elías Portela. Sen embargo, aquí os proxectos como o Scottish Book Trust, o Literature Trust ou no que ti mesma participas contan con apoio institucional. Que aspectos deste modelo consideras positivos dende a túa experiencia?
– YC: Cando te achegas a outro tipo de modelos decátaste de que en Galiza estamos en cueiros neste sentido. O sistema parece, en ocasións, funcionar a través de premios literarios; é dicir, prémiase o resultado, pero non o proceso. A pesares de destacar a importancia dos premios literarios, eu tamén aspiraría a que se puidesen abrir outro tipo de vías. As iniciativas que hai son moi boas, pero non deberían quedar en iniciativas únicas con enormes esforzos persoais e voluntaristas detrás, e con escasísimos apoios institucionais. Tería que haber diferentes modelos ou proxectos, pero tamén é preciso que estes sexan plurais para permitir que se leve a cabo esta interacción necesaria para facilitar o proceso de creación.
– MA: Outra institución para a promoción da literatura en Escocia que vén de abrir as súas portas é a Scottish Poetry Library, onde participarás os días 27 e 29 desde mes con cadanseu acto.
– YC: Antes de chegar ao castelo de Hawthornden xa estaba en contacto coa Scottish Poetry Library para poder participar nalgún evento, polo que aproveitarei esta estadía para levar a cabo esta colaboración. O primeiro será o día 27, onde impartirei un obradoiro de tradución poética con outras autoras de diferentes países. O evento do día 29 será un recital poético en lingua galega, e probablemente bote tamén man dalgunha tradución ao inglés. Tanto a estadía como a colaboración coa Scottish Poetry Library coincide coa inminente publicación de Six Galician Poets, unha antoloxía de poesía galega contemporánea editada por Manuela Palacios e traducida por Keith Payne. (…)”