Eva Veiga: “O mundo non ten posibilidade de redención sen a inocencia”

Entrevista de Montse Dopico a Eva Veiga en Praza:
“(…) – Praza (P): Publicaches Silencio percutido e Soño e vértice moi seguidos, e moi perto tamén de A distancia de tambor. Foras escribíndoos ao mesmo tempo?
– Eva Veiga (EV): Ás veces escribo varios á vez, si, pero neste caso foi primeiro Soño e vértice e despois Silencio percutido, que o escribín xa en Málaga, onde estou esta temporada por motivos de saúde. Foi nun período de moitos silencios: estaba aquí soa, nun tempo íntimo. Pero si creo que Silencio percutido e Soño e vértice teñen moito que ver.
– P: En que sentido?
– EV: É como se Silencio percutido só puidese vir de aí, do libro anterior. Aínda que, en realidade, case todos os libros veñen do anterior. É como se foses desvestindo peles. Sempre quitas a última pel. Ademais, para min, a poesía é unha procura que penso que se manifesta neste libro máis que nos anteriores: a procura do silencio, da verdade, se esta é dicible. A verdade da poesía non pode ser unha verdade absoluta porque a poesía é un territorio libertario que traballa co prisma da palabra, no que podemos ver todos os lados do sentido. A poesía, para min, é paradoxo sempre. (…)
– P: Luz e sangue son símbolos moi presentes na túa poesía. Que papel xogan aquí?
– EV: A luz é un dos símbolos que sempre me acompañan, porque me permite non tanto ver, senón apalpar. A luz que apalpamos é a da escuridade: non hai outra. Pero cando tocamos algo, cando algo se nos revela, é o máis grande que existe. Iso é o que amo da poesía, de ler poesía: algo que se revela, que se abre, que é luz. É un momento que che fai medrar, algo que se abre e brota. A poesía ábreche outras dimensións de ti.
– P: Falabas antes de vida e morte. Tamén son fundamentais na túa poesía.
– EV: Amor, morte… son experiencias que nos poñen contra as cordas, que nos sacan de nós, que nos poñen noutro sitio. Esas experiencias están, claro, na miña escrita, e tento comunicalas. A luz é tamén iso, revelación do coñecemento. Que non é o coñecemento da razón, porque a poesía é o difícil equilibrio entre a razón e a emoción. A emoción é o ritmo do corazón. Non hai poema sen ritmo, sen o ritmo do corazón, sen algo que traballa máis agochado da razón pero sen poder desprenderse dela. E a imaxinación fai de intermediaria entre as dúas.
Preguntabas antes tamén polo sangue. O sangue é un elemento especialmente humano, trasunto simbólico do río. O río e o sangue operan de xeito semellante. Eu nacín en Ombre, onde o río me pasaba baixo os pés, moi perto da casa. E iso supuxo a aprendizaxe dunha imaxe simbólica: vin o río darse ao mar, aprendín alí de Heráclito antes de ler libros sobre el… É normal, tamén, que o sangue estea tanto na miña poesía porque eu estou transplantada de médula e iso foi a experiencia interna máis profunda da miña vida. Cando tes leucemia aprendes que no sangue está todo. É o río que nos leva, que nos trae a memoria, e non só a propia. É a memoria primeira, a memoria dos primeiros movementos. (…)”