Eva Veiga e Isaac Xubín fanse cos Premios da Crítica 2016

Desde Cultura Galega:
“O pasado 22 de abril Asociación Española de Críticos Literarios (AECL) daba a coñecer os seus tradicionais premios, que recoñecen obras nas catro linguas oficiais do Estado. Nesta ocasión, na categoría de obras en galego os gañadores foron Eva Veiga en Poesía, polo seu poemario Soño e Vértice, e Isaac Xubín en narrativa por Non hai outro camiño. Os galardoados foron propostos pola Asociación Galega da Crítica, logo de votación dos seus membros, a estes prestixiosos galardóns que non teñen dotación económica.”

Betanzos: presentación de Soño e vértice e Silencio percutido, de Eva Veiga

Dentro dos actos que nestes días se poñen en marcha no marco de Creatas I Feira de arte independente, o xoves 29 de decembro, ás 20:00 horas, celebrarase na libraría Biblos (Rúa Santiago, 4), en Betanzos, un recital poético musical a cargo do grupo Ouriol e a poeta Eva Veiga, que contará tamén coa intervención de Teresa Seara.

Eva Veiga: “O mundo non ten posibilidade de redención sen a inocencia”

Entrevista de Montse Dopico a Eva Veiga en Praza:
“(…) – Praza (P): Publicaches Silencio percutido e Soño e vértice moi seguidos, e moi perto tamén de A distancia de tambor. Foras escribíndoos ao mesmo tempo?
– Eva Veiga (EV): Ás veces escribo varios á vez, si, pero neste caso foi primeiro Soño e vértice e despois Silencio percutido, que o escribín xa en Málaga, onde estou esta temporada por motivos de saúde. Foi nun período de moitos silencios: estaba aquí soa, nun tempo íntimo. Pero si creo que Silencio percutido e Soño e vértice teñen moito que ver.
– P: En que sentido?
– EV: É como se Silencio percutido só puidese vir de aí, do libro anterior. Aínda que, en realidade, case todos os libros veñen do anterior. É como se foses desvestindo peles. Sempre quitas a última pel. Ademais, para min, a poesía é unha procura que penso que se manifesta neste libro máis que nos anteriores: a procura do silencio, da verdade, se esta é dicible. A verdade da poesía non pode ser unha verdade absoluta porque a poesía é un territorio libertario que traballa co prisma da palabra, no que podemos ver todos os lados do sentido. A poesía, para min, é paradoxo sempre. (…)
– P: Luz e sangue son símbolos moi presentes na túa poesía. Que papel xogan aquí?
– EV: A luz é un dos símbolos que sempre me acompañan, porque me permite non tanto ver, senón apalpar. A luz que apalpamos é a da escuridade: non hai outra. Pero cando tocamos algo, cando algo se nos revela, é o máis grande que existe. Iso é o que amo da poesía, de ler poesía: algo que se revela, que se abre, que é luz. É un momento que che fai medrar, algo que se abre e brota. A poesía ábreche outras dimensións de ti.
– P: Falabas antes de vida e morte. Tamén son fundamentais na túa poesía.
– EV: Amor, morte… son experiencias que nos poñen contra as cordas, que nos sacan de nós, que nos poñen noutro sitio. Esas experiencias están, claro, na miña escrita, e tento comunicalas. A luz é tamén iso, revelación do coñecemento. Que non é o coñecemento da razón, porque a poesía é o difícil equilibrio entre a razón e a emoción. A emoción é o ritmo do corazón. Non hai poema sen ritmo, sen o ritmo do corazón, sen algo que traballa máis agochado da razón pero sen poder desprenderse dela. E a imaxinación fai de intermediaria entre as dúas.
Preguntabas antes tamén polo sangue. O sangue é un elemento especialmente humano, trasunto simbólico do río. O río e o sangue operan de xeito semellante. Eu nacín en Ombre, onde o río me pasaba baixo os pés, moi perto da casa. E iso supuxo a aprendizaxe dunha imaxe simbólica: vin o río darse ao mar, aprendín alí de Heráclito antes de ler libros sobre el… É normal, tamén, que o sangue estea tanto na miña poesía porque eu estou transplantada de médula e iso foi a experiencia interna máis profunda da miña vida. Cando tes leucemia aprendes que no sangue está todo. É o río que nos leva, que nos trae a memoria, e non só a propia. É a memoria primeira, a memoria dos primeiros movementos. (…)”

Tabela dos Libros de setembro de 2016, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis ―e xa vai alá un lustro― regresa a Tabela dos Libros cos títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Bo remate de verán e felices lecturas!”

2016_setembro_tabela