Participación do presidente da AELG, Ceśareo Sánchez, na presentación da II Gala do Libro Galego

Reproducimos a continuación o breve discurso do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na presentación pública da II Gala do Libro Galego, que tivo lugar o xoves 27 de abril en Compostela (foto da Asociación Galega de Editoras):
“Agradecemos o apoio das institucións presentes a esta gala do libro galego, e como continuación das palabras de Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, celebramos estes premios, que son a confluencia dos tres brazos deste río total que é o libro nas maos do lector, da lectora.
Como teño comentado noutras ocasións, na Galiza sumar esforzos significa obter como froito unha multiplicación dos resultados. Estes premios significan dar visibilidade social a escritores/as, editoras e libreiros/as, o que leva visibilizar un dos produtos da cultura, o libro, que determinan, desde a calidade democrática dunha sociedade, a posibilidade de crear persoas con capacidade crítica, até facer que os alicerces sobre os que se asenta a actividade humana individual e social dos galegos e galegas sexan de raíz profunda, bebendo da herdanza ética e da beleza que fomos capaces de crear ao longo dos séculos.
E, se me permiten, esta foto de hoxe, na capital da Galiza, Santiago de Compostela, ten moito de simbólica, pois debe representar o apoio necesario das institucións con funcións executivas, nos diversos chanzos das administracións en Galiza, ao libro galego.
É o apoio a unha industria estratéxica, sustentadora e dadora do alento vital a unha sociedade culturalmente diferenciada como a nosa, da que bebe e se alimenta. Sen esquecermos que, a través deste marabilloso obxecto con alma que é o libro, os galegos facemos a nosa aportación ao diálogo vital coas outras culturas do mundo.
Para finalizar estes breves apuntamentos, quero enunciar o desexo de que esta presentación sirva para facer pública a vontade futura de desenvolver todas as capacidades culturais dos galegos e galegas, de seguir construíndo arredor do libro galego a normalización do noso idioma, como un dos puntos dese decálogo que enunciamos na creación dos premios que hoxe convocamos, e que son a súa razón de ser.”