Xosé Manuel Lobato: “O Pico Sacro sempre foi espoliado, é un gran símbolo pero non está protexido”

Desde Sermos Galiza:
“Alvarellos e a Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio veñen de publicar Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda, un libro coordinado por Xosé Manuel Lobato -presidente desta sociedade- e Miro Villar, que reúne a obra de noventa autores e autoras arredor deste outeiro. Inclúe textos éditos desde Marcial Valladares até Murguía, Suso de Toro ou María Solar; e inéditos xuntados para a ocasión, asinados por autoras como Rosalía Fernández Rial, Xavier Queipo ou Emma Pedreira.
Todo partiu desta asociación, que leva ben anos defendendo e divulgando os valores culturais asociados a este cume. Lobato explica a orixe do proxecto: “Para min é unha experiencia vital porque eu nacín mesmo na aba do Pico Sacro e desde sempre nas miñas lecturas observaba que practicamente todos os autores se referían ao Pico Sacro nas súas obras. Ese foi o aliciente para empezar a investigar e ao final publicamos este libro no que fixemos unha escolma do que hai publicado sobre este monte”.
E hoxe segue a ser unha referenza, afirma Lobato, tanto en obras literarias de Galiza coma de fóra, “porque neste libro temos colaboracións de Portugal e tamén obras tamén en español que traducimos”. E, alén desta obra, Lobato apunta dous libros recentes con presenza importante deste accidente xeográfico: Bótame deste mar fóra, de Ricardo Losada, ou Once portas, de Héctor Cajaraville. Aínda que quizais foi no tempo das Irmandades e do Seminario de Estudos Galegos cando máis atención se lle prestou, Lobato defende que hai probas da súa importancia xa desde os romanos, aparece no Códice Calixtino… “Eu sempre poño o mesmo exemplo: no preito Tabera-Fonseca de 1526 practicamente máis do 8% das testemuñas que declararon nese conflito coñecían o Pico, e moitas eran de lugares ben apartados como Lugo ou Tui”.
Un dos sucesos máis coñecidos arredor deste outeiro é a excursión de Castelao en xullo de 1924, cuxa crónica se glosa tamén no libro. E desde 2011 vense recuperando cun acto que a A. C. Vagalumes e O Galo organizan para lembrar esta visita (este ano será o 22 de xullo) e tamén o ‘Alba de Groria’ no que o rianxeiro dicía así: “Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sacro (…)”.