A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colabora nesta iniciativa, Festival Rosalía 2017, organizada pola Deputación da Coruña.
Unha fábula? Non! É Rosalía!
Reinterpretada, revisitada, e reinventada constantemente durante os máis de 180 anos que leva entre nós, Rosalía de Castro converteuse na verdadeira heroína da nosa cultura e como tal o Festival Rosalía quere celebrar a súa vixencia e importancia.
O Festival Rosalía é unha iniciativa da Deputación da Coruña, que se desenvolverá na cidade de Santiago de Compostela os días 29, cunha gala no Teatro Principal, e 30 de setembro, cunha feira de produtos rosalianos na Praza de Cervantes. Neste 2017 a escusa é o centenario da inauguración do monumento a ela dedicado na Alameda de Compostela.
Colaboran: Concello de Santiago, Fundación Rosalía de Castro e Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Para cantarlle, para recitarlle e para sentila entre nós, o venres 29 de setembro ás 21:00 h. realizarase o primeiro evento do Festival Rosalía, unha gala con poesía e música no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Dirixida por Avelino González e presentada por Lorena Conde, contará coas actuacións de Uxía & Sérgio Tannus & Santi Cribeiro, Najla Shami, Abe Rábade & Nastasia Zürcher e Xiana Lastra Pernas & Andrea Porto, a participación de Rosalía Fernández Rial, Marta Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias e Anxo Angueira, e cunha convidada sorpresa moi especial. Entrada gratuíta, previa retirada de convite no Teatro Principal, de martes a sábado en horario de 18:00-21:00 h. (máx. 4 entradas por persoa).
Vexa aquí o informe de prensa para a presentación do Festival Rosalía, que tivo lugar o 18 de setembro en Compostela.