Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) Vén isto ao caso pola recente tradución do poemario Os eidos ao xaponés da man de Takekazu Asaka, o mellor coñecedor da nosa literatura nas terras do sol nacente. Asaka, profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku (Kodaira, Toquio), leva en contacto coa nosa lingua e a cultura dende mediados dos anos 70 e xa vai para as tres décadas que vén visitando todos os veráns a nosa terra. Froito da súa galegofilia teñen nacido diversos traballos de carácter lingüístico e, sobre todo, o primeiro vocabulario galego para xaponeses e a primeira gramática de noso para nipóns, da que acaba de se publicar unha nova versión co título Nova gramática galega (2016).
Pero ao profesor Asaka debémoslle moito máis. Mercé ao seu infatigable labor poden hoxe lerse en xaponés os Cantares gallegos (2009) e os Contos da miña terra (2014) de Rosalía de Castro, a Cantata a Ramón Cabanillas (2013) ou os versos do Xograr Martín Codax (2015). Pois ben, a este poderoso florilexio literario sumouse hai nada a poética de Novoneyra a través da tradución da que é, sen dúbida, a súa obra máis emblemática: Os eidos. (…)
Publicada baixo o selo de Kakenhi, esta edición ―que conta cunha moi suxestiva cuberta do artista Xosé Vizoso― non fai senón deitar en xaponés uns versos que, como teñen analizado varios estudosos, amosan connaturalmente unha innegable conexión coa lírica oriental dos haikai. O propio Novoneyra ten salientado isto en diversas ocasións e mesmo se achegou na súa escrita ao espazo literario de Oriente; así en 1995, cando publicou Camelio xaponés, onde tres poemas seus foron traducidos a esta lingua por Ayako Sugitani, de quen el versionou en galego sete ‘xiikas’. (…)