Lois Pérez: “O lugar da poesía é, para min, a voz do subterráneo, os espazos aparentemente triviais ou marxinais do traxecto”

Entrevista de Montse Dopico a Lois Pérez en Praza:
“(…) – Praza (P): “Escribo porque me sae así, porque aquí abaixo na escrita, aquí onde todo é subterráneo, dei co meu lugar e síntome invencíbel fuxindo da morte”, di un dos primeiros poemas do libro. No manifesto final dise: “No fagades poesía porque non hai máis poesía cá morte”. A morte e a súa relación coa escrita atravesan todo o libro [Long Play]. Por que?
– Lois Pérez (LP): Ese poema que citas fala da morte e de poñerse nun lugar subterráneo, que ten moito que ver coa idea que eu teño, que pode ser errada ou atinada, de que temos necesidade de facer algunha sorte de viaxe interior a través da escrita, das artes… E penso que para botar luz sobre o que somos é necesario o concurso das sombras. Quero dicir, que o que tento é escribir sobre o inaccesible, sobre as cousas fundamentais que nos preocupan e, claro, un deses temas é a morte, que si percorre todo o libro. Aínda que non se me ocorrera facer ese nexo que sinalas ti entre ese poema do principio e esa frase do manifesto.
– P: O Manifesto dos Louseiros Posibilistas fíxome pensar naquela historia da “secta loisista” que se divulgara polo Día das Letras de Lois Pereiro. O ton do libro, en xeral, lembra o Antón Reixa dos 70/80, despois hai referencias ben claras a Siniestro Total…. É como se os teus referentes estivesen máis nos 80 que nos 90 ou despois.
– LP: Non pensara, en concreto, o da secta loisista, pero si que están esas influencias que dis. Supoño que porque a súa influencia foi tan grande que a única maneira de que non te influísen sería non coñecelos. Nunha das presentacións do meu libro, na presentación de Compostela nas Crechas, onde participou o Leo, ao falar con el confirmei que temos certas afinidades, que el traza máis polo lado musical e eu polo lado literario. Penso que é un fío invisible no que están desde Reixa e o grupo Rompente ata as letras de Os Resentidos ou Ronseltz, e no musical desde Nicho Varullo e Kinindiola ata Siniestro Total. É un fío que si me dou conta de que está aí e que se vai manifestando de distintas maneiras ao longo do libro. Supoño que porque para min foi máis estimulante ca outras cousas. Na presentación de Compostela nas Crechas, onde participou o Leo, falabamos e confirmei que temos… (…)
– P: Falabas antes de escrita automática… O que si hai no teu libro é algúns poemas que parecen pouco revisados -coma os que están na Cara B- e que ben poderían ter sido escritos despois dunha noite de marcha. Ou que poden ser lidos nesas mesmas circunstancias. É divertido, por certo, ese “western” de Muimenta. Aínda que eu mesma ía a Hermo de adolescente e nunca vin tal cousa… Hai un punto absurdo…
– LP: É que eu empato con esa maneira de entender a escrita e ademais esa parte está pensada para ser actuada con música. Nós tamén naufragar, gústame dicir, dándolle unha volta ao verso da adorada Xohana Torres. Hai algo diso que dis, de nocturnidade. Tamén é que, a ver, non me considero unha persoa moi experimentada nin maior, pero sempre me interesou ver o que hai por aí adiante e o da noite é un bo espazo para observar… Hai algo diso, de noite, de discotecas, que tamén ten que ver co rock, coa inmediatez… E si pode haber no libro cousas para ler antes de deitarse despois de saír de marcha. Hai comic en branco e negro, que está sen cor para que se poida pintar, se cadra antes de ir a clase de reenganche…
– P: Se cadra todo isto do que estamos a falar é algo tópico. O poeta e a noite, o extravío, o escuro… Coma unha certa apelación ao malditismo… A literatura galega está chea de poetas malditos. Non é novidade ningunha.
– LP: Entendo, mais ten que en conta que eu trato iso dun xeito caricaturesco, desde o humor. O Grupo dos Louseiros Posibilistas serían unha xeración enteira de poetas que se suicidan. É unha maneira de poñer en cuestión iso que dis. É rir do tópico, desa tendencia á poesía triste, tráxica, que leva a unha sorte de clube dos poetas tristes. Ás veces vas a un recital e saes cun baixón, coa sensación de que non hai saída por ningures. O que fago é rir de toda esa visión, non escribir en serio desde iso. (…)
– P: Falabamos antes de cultura popular e de tradición oral. Ti levas tempo sendo contador de historias. Algunha relación imaxino que haberá… O blues, os cantos das traballadoras… Colaboras coa Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
– LP: Hai. A vontade de contar. E ten que ver co que creo que eu son. Hai unha vontade de contar que empata coa influencia da tradición oral. Hai pouco fomos a As Pontes para gravar e había un señor, Eladio o Cego, que quedou cego con 21 anos. Pois contaba como atravesaba catro ou cinco parroquias para ir á casa da súa parella, sen ver e guiándose polos sons. E iso pasaba no seu lugar, que quedou sepultado baixo a maior mina a ceo aberto de Europa, que abrira un burato enorme na terra. El ilustraba todo iso con palabras… A literatura, tamén a oral, debe ser memoria. O que pasou.
A poesía pode ser un xeito de resistencia e de protesta. O discurso da televisión, ou da política, pretende dominarnos, son como bandeiras que se axitan por enriba das nosas cabezas sen deixar lugar para pensar, para retrucar, para matizar. Parte da crítica literaria tamén pretende dominarnos. A poesía non. E este libro, con toda a súa insignificancia, o que pretende é axudar, aínda que só sexa por un intre, a cambiar os xeitos de mirar. O que hai é só unha vontade de contar algo de maneira sinxela e directa. E o do blues, que preguntas, é o mesmo. Se hai dous colectivos que sufriron ao longo da historia son as mulleres, discriminadas e perseguidas, e os negros. E as mulleres negras aínda máis. O blues era o seu xeito de expresarse, como o eran os cantos de labor das mulleres galegas. Esa ironía amarga, esa ledicia triste, que eu chamo ledicia blue… Ese xeito de ollar o mundo, que me fascina. (…)”