Salvemos o Diario Cultural, salvemos a Radio Galega

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) diríxese á Dirección da Radio Galega e ao conxunto da cidadanía, para demandar a continuidade do Diario Cultural e quere mostrar o seu apoio a toda a equipa do programa dirixida pola poeta e xornalista Ana Romaní. Sen plataformas culturais públicas como o Diario Cultural, as escritoras e escritores galegos perderíamos a xa minguada visibilidade social que temos nos medios de titularidade pública. Eliminan un recoñecido programa, emblemático, e diminúe deste xeito a xa cativa programación sobre a nosa cultura e a nosa literatura

Mais, a clausura do único programa diario de información cultural que existe na actualidade na Radio Galega, e do mellor xornalismo cultural que ao longo de 28 anos se ven facendo na radio, pública e galega, levase a cabo ao tempo que os cambios que se anuncian a partir de setembro afectan gravemente ao conxunto dos contidos informativos, entre os que están os culturais.

Anúnciase tamén a desaparición dos dous informativos diarios, cos seus contidos culturais, que se producían e emitían desde as delegacións locais da Coruña, Vigo, Lugo e Ourense (hai uns anos xa fixeran desaparecer as delegacións de Ferrol e Pontevedra), contidos que agora se van diluír nunha programación xeral tutelada desde a redacción central en Compostela. As realidades locais, nas que se incardina tanta da nosa cultura, e os creadores e creadoras que dan forma e voz á nosa biodiversidade cultural, ficarían minorizadas.

Parece obvio que esta mudanza empobrece de xeito determinante o conxunto da Radio Galega e pode comportar o control político pleno de todo o que se emita pola Radio Galega en detrimento do plural da realidade cultural galega e do irrenunciable dereito xeral da cidadanía a obter dos medios públicos unha información obxectiva, próxima, plural e veraz, que respecte tamén os distintos ámbitos onde acontece a creación cultural.

#SalvemosODiarioCultural, #SalvemosARadioGalega

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
9 de maio de 2018