A III Gala do Libro, organizada polas asociacións de Librarías, Editoras e Escritoras e Escritores, premiará o día 19 en Compostela as mellores obras do ano pasado

Un ano máis, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), únense para poñer en marcha a Gala do Libro Galego, iniciativa que ten como obxectivo recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017. A organización do evento ten carácter rotatorio polo que este ano correspóndelle ás librarías a coordinación dos actos.

O Teatro Principal de Santiago acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación da terceira edición, que se celebrará o vindeiro sábado día 19 de maio e na que serán recoñecidas as mellores obras publicadas en 2017 en once modalidades diferentes. Premiaranse tamén as mellores traxectorias de fomento da lectura, proxectos literarios en rede e xornalismo cultural.

No acto de presentación, Pilar Rodríguez, presidenta da FLG reivindicou que tanto dende a creación como dende a produción e a venda debemos intentar que os libros cumpran o seu grande obxectivo cultural e social, ao tempo que subliñou que “as tres asociacións que integramos este proxecto, ademais de celebrar esta festa do libro, sirva para esixir aos responsables da cousa pública unha decidida e decisiva intervención a prol da nosa cultura, da nosa lingua e dos nosos libros”.

Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, destacou que “os escritores e escritoras galegas convócanse na Gala do Libro Galego para mostrar a rica produción do sistema literario galego ao longo do ano 2017, produción cualitativa e cuantitativamente importante en todos os xéneros literarios. Ao mesmo tempo, lembramos que a escritora Isabel Clara-Simó, nomeada Escritora Galega Universal, será galardoada dentro da Gala, o que supón tamén un recoñecemento da cultura e literatura catalá”.

Pola súa banda, Henrique Alvarellos, vicepresidente da AGE, resaltou que “esta terceira edición da Gala supón a consolidación dunha acción conxunta das tres asociacións que debe ser modelo de traballo para o futuro, tamén noutros eidos de promoción do libro e da lectura”.

Goretti Sanmartin, vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, destacou que “o desenvolvemento de xeito unitario desta gala dá boa conta da potencialidade de creadores e creadoras do noso país con propostas de alta calidade nos máis diversos ámbitos, mesmo cando o mundo do libro precisaría moitos máis recursos e apoio como mostran os recentes datos estatísticos”. Sinalou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin para quen “igual que se conseguiu unha unión dos diferentes axentes do sector debería de haber un pacto institucional, social e político igual que o que significou unha Lei do Libro Galego e o Plan do libro e a lectura que están sen desenvolver”.

Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a Gala vaise consolidando como un espazo para “poñer en valor a produción literaria máis recente e, ao mesmo tempo, facer visible un sector que é un piar imprescindible da nosa cultura”. Tamén salientou a suma de esforzos por parte das principais entidades do sector e das administración públicas de Galicia para levar a cabo a iniciativa.

Como remate das intervencións Branca Novoneyra, concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago manifestou que “o Concello de Santiago está orgulloso de ser unha das administracións que colaboran na Gala do Libro Galego, unha iniciativa pola que hai que felicitar ao sector, capaz de xuntar forzas e de crear sinerxias. Estamos convencidos de que esa é a mellor garantía de éxito”. “Compostela é unha cidade literaria, a nosa aposta polo sector é evidente, e cremos que todas as iniciativas suman e se complementan. Estamos a crear entre todos a todas un relato de cidade, unha identidade propia”.

Consulta Finalistas da Gala do Libro Galego 2018

ASOCIACIÓN DE ESCRITORAS E ESCRITORES EN LINGUA GALEGA
ASOCIACIÓN GALEGA DE EDITORAS
FEDERACIÓN DE LIBRARÍAS DE GALICIA