Entrevista de Montse Dopico a Xosé Benito Reza en Praza:
“(…) – Praza (P): Dicía nunha entrevista que fixera este libro [Terradentro] como homenaxe ás persoas maiores que lembraba de neno, que tanto padeceran…
– Xosé Benito Reza (XBR): Pasa unha cousa: este é o meu primeiro libro de ficción. Vivo na Praza Maior de Celanova, perto da casa onde nacín. Cando marchei para Santiago, porque fun director xeral de Conservación da Natureza co goberno bipartito, no 2005, a casa de meus pais estaba como estivera sempre: meu pai, miña nai e miña tía Gumersinda, unha señora moi entrañable da que falo tamén na novela. Era unha muller cunha sensibilidade moi especial que, con non ter unha ampla cultura, porque era dunha familia humilde de Vilanova dos Infantes, foi a persoa que me deu a ler os primeiros poemas que coñecín de Curros, de Rosalía –á que admiraba moito-, de Celso Emilio…
Estivera emigrada en Venezuela, coñecera a Celso Emilio alí e fixéranse amigos, polo que tiña libros del dedicados para ela… Pois, cando volvín a Celanova, no 2009, a casa estaba pechada. Era un baleiro absoluto, unha tristeza tremenda, porque nese pouco tempo morreran miña nai –que ademais morreu dunha forma violenta e tráxica- meu pai e miña tía. Entón eu sentín necesidade de repensar aquel mundo. Sempre me gustou moito a novela negra e policiaca e, ademais, meu pai era avogado na vila. Era unha persoa moi ben considerada que sabía moitos dos segredos da vila pola súa profesión pero, claro, nunca contaba nada, aínda que xa dicía el que ás veces, máis que o avogado, parecía o cura, porque lle consultaban cousas que non eran só de avogado… (…)
– P: Algo que pode chamar a atención tamén no libro son as descricións detalladas: dos personaxes, dos ambientes… Facíame pensar nos nosos clásicos…
– XBR: É que eu son un clásico, como me di Ferrín… Por un lado podo dicirche que, claro, o libro trata unha materia moi miña. Eu fun o redactor da lei galega da paisaxe. É un tema que sempre me gustou moito. E xa escribira antes moito sobre os Ancares, o río Arnoia… Por iso é normal que haxa descricións da paisaxe, da natureza… Ademais do interese literario, é algo moi persoal, relacionado coa miña vida profesional. E, claro, si, xa que falas de clásicos, encántame Otero Pedrayo, Ánxel Fole…
– P: Xusto: é en Otero Pedrayo en quen pensara.
– XBR: Teño as súas obras nun pequeno altar no meu despacho. E logo que, a ver, a min encántame ler pero non son un home de letras. A miña formación é de ciencias. E penso que Ferrín me deu bos consellos. Cando eu lle preguntaba de onde sacaba tanto vocabulario el dicíame: “lendo, neno, lendo”. E eu son un lector voraz, pero non sei de tendencias e correntes literarias. O que si podo dicirche é que escribín porque sentía a necesidade de escribir e que, ademais, gocei moito facéndoo. Imaxinaba como reaccionarían meu pai ou miña avoa… Pero o libro é un fin en si mesmo. (…)”