Xosé Benito Reza: “Aquí puxéronse remendos, pero non se buscaron remedios eficaces para o rural”

Entrevista de Montse Dopico a Xosé Benito Reza en Praza:
“(…) – Praza (P): Dicía nunha entrevista que fixera este libro [Terradentro] como homenaxe ás persoas maiores que lembraba de neno, que tanto padeceran…
– Xosé Benito Reza (XBR): Pasa unha cousa: este é o meu primeiro libro de ficción. Vivo na Praza Maior de Celanova, perto da casa onde nacín. Cando marchei para Santiago, porque fun director xeral de Conservación da Natureza co goberno bipartito, no 2005, a casa de meus pais estaba como estivera sempre: meu pai, miña nai e miña tía Gumersinda, unha señora moi entrañable da que falo tamén na novela. Era unha muller cunha sensibilidade moi especial que, con non ter unha ampla cultura, porque era dunha familia humilde de Vilanova dos Infantes, foi a persoa que me deu a ler os primeiros poemas que coñecín de Curros, de Rosalía –á que admiraba moito-, de Celso Emilio…
Estivera emigrada en Venezuela, coñecera a Celso Emilio alí e fixéranse amigos, polo que tiña libros del dedicados para ela… Pois, cando volvín a Celanova, no 2009, a casa estaba pechada. Era un baleiro absoluto, unha tristeza tremenda, porque nese pouco tempo morreran miña nai –que ademais morreu dunha forma violenta e tráxica- meu pai e miña tía. Entón eu sentín necesidade de repensar aquel mundo. Sempre me gustou moito a novela negra e policiaca e, ademais, meu pai era avogado na vila. Era unha persoa moi ben considerada que sabía moitos dos segredos da vila pola súa profesión pero, claro, nunca contaba nada, aínda que xa dicía el que ás veces, máis que o avogado, parecía o cura, porque lle consultaban cousas que non eran só de avogado… (…)
– P: Algo que pode chamar a atención tamén no libro son as descricións detalladas: dos personaxes, dos ambientes… Facíame pensar nos nosos clásicos…
– XBR: É que eu son un clásico, como me di Ferrín… Por un lado podo dicirche que, claro, o libro trata unha materia moi miña. Eu fun o redactor da lei galega da paisaxe. É un tema que sempre me gustou moito. E xa escribira antes moito sobre os Ancares, o río Arnoia… Por iso é normal que haxa descricións da paisaxe, da natureza… Ademais do interese literario, é algo moi persoal, relacionado coa miña vida profesional. E, claro, si, xa que falas de clásicos, encántame Otero Pedrayo, Ánxel Fole
– P: Xusto: é en Otero Pedrayo en quen pensara.
– XBR: Teño as súas obras nun pequeno altar no meu despacho. E logo que, a ver, a min encántame ler pero non son un home de letras. A miña formación é de ciencias. E penso que Ferrín me deu bos consellos. Cando eu lle preguntaba de onde sacaba tanto vocabulario el dicíame: “lendo, neno, lendo”. E eu son un lector voraz, pero non sei de tendencias e correntes literarias. O que si podo dicirche é que escribín porque sentía a necesidade de escribir e que, ademais, gocei moito facéndoo. Imaxinaba como reaccionarían meu pai ou miña avoa… Pero o libro é un fin en si mesmo. (…)”

Xosé Benito Reza achéganos a Terradentro

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Xosé Benito Reza é enxeñeiro de montes, foi director xeral de protección da natureza e leva traballado e escrito moito sobre a conservación do noso patrimonio verde. Pero ademais Reza é de Celanova e hai pouco publicou a súa primeira novela: Terradentro, coa que gañou o premio Losada Diéguez. Transcorre nos anos 50 e conta tres historias sobre a infancia, e nas que tamén se reflexiona sobre a complexidade do presente. A entrevista pode verse aquí.”

Xosé Luís Axeitos e Xosé Benito Reza gañan o Losada Diéguez de ensaio e creación

Desde Sermos Galiza:
“A biografía de Manuel Antonio e Terradentro, unha novela con misterio sobre a desaparición do mundo campesiño, veñen de ser recoñecidas co premio Antón Losada Diéguez. O galardón, que se fallou este sábado na Casa do Concello de Boborás, outórgase a obras publicadas e atinxe así a súa edición número 33.
Xosé Luís Axeitos (Asados, Rianxo, 1945), académico e ensaísta, é o autor de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais, 2017). O primeiro repaso integral á obra e á vida do autor de De catro a catro valeulle o Losada Diéguez na modalidade de investigación e ensaio. “Con este libro o profesor Axeitos culmina o seu proxecto de nos presentar a Manuel Antonio”, di a xustificación do xurado, “o poeta vangardista e o cidadán liberado de convencionalismos, sempre á procura da liberdade”.
Este “extraordinario traballo de investigación” acompaña a primeira novela de Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) nas distincións do Concello de Boborás. Terradentro (Xerais, 2017), unha obra atravesada de memoria e certa intriga, “escrita nun galego de grande riqueza e cunha firme raíz na variante lingüística ourensá”, “achega un mundo a piques de desaparecer”.
Para o xuri, o traballo de Benito Reza inclúe “personaxes moi ben trabados” cun “ritmo áxil e atractivo”. “Terradentro recolle o mellor da narrativa galega do pasado, en concreto a descrición dos lugares e dos accidentes xeográficos, introducindo novidosos elementos de avangarda que fan da novela o retrato literaturizado da realidade da Galiza interior”, conclúe.
Os premios entregaranse o vindeiro 9 de xuño en Moldes. Do xurado da XXXIII edición dos Losada Diéguez fixeron parte Ana Patricia Torres, Diego Fernández, Manuel Doval, Chus Pato, Francisco Calo, Pegerto Saavedra, María Teresa López, Xosé Manuel Salgado e Henrique Costas.”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o luns 3

O luns 3 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

19:30 h. Sinatura de exemplares de Un banco na Gran Vía, polo seu autor, Manuel Vilanova, publicado por Ir Indo, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
19:45 h. Presentación de Os fillos do lume, de Pedro Feijoo, publicado por Xerais. Con Ledicia Costas. Ao remate, sinatura.
20:00 h. Paco Barreiro asinará Beixos de lingua, publicado por Xerais.
20:30 h. Presentación de Terradentro, de Xosé Benito Reza, publicado por Xerais. Con Xosé Luís Méndez Ferrín. Ao remate, sinatura.