Entrevista de Daniel Salgado a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“O poeta que publicou hai 41 anos Silencios e conversas de inverno -primeiro elo dunha longa cadea de títulos-, activista cultural e social, figura inevitábel da literatura contemporánea, recibe a vindeira semana a medalla de mérito artístico Alberto Nepomuceno da Universidade Estadual do Ceará do Brasil. “Sinto que é un recoñecemento á miña xeración”, di Cesáreo Sánchez Iglesias a Sermos Galiza, “e acéptoo con todo o pudor e toda a sincera humildade”.
A distinción serviulle a Sánchez Iglesias (O Irixo, 1951), presidente da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG), para botar a vista atrás e repasar a súa vida. “Hai ademais 45 anos que me organicei, con outras galegas e galegos, para dotar o país de plataformas culturais”, relata, “ou sindicais, como o Sindicato Galego de Traballadores da Administración Pública, logo integrado na CIG”. O seu nome aparece igualmente en iniciativas de prensa en galego -presidiu durante dúas décadas o Consello de Administración de A Nosa Terra- e mesmo no movemento veciñal.
“A miña biografía como activista non é más que a continuación daquilo que a ditadura interrompera, enlazando con persoas exiliadas e represaliadas polo franquismo”, indica. O feito de que o galardón veña da outra beira do Atlántico, en concreto do Nordeste brasileiro, é motivo engadido da súa satisfacción. “Alí vemos esoutra galla do noso idioma actuando”, opina, “é unha suma de gratas sensacións”.
O xurado da medalla Alberto Nepomuceno -o pai do nacionalismo na música académica do Brasil- salientou o seu traballo “a prol da cultura, das letras e das artes galegas”. Mais tamén o poeta, nome indiscutíbel da promoción dos 80, cuxa obra foi evoluíndo dun intimismo esencial e simbolista a libros marcados pola idea e a práctica da viaxe: O rumor do distante (2001), Caderno do Nilo (2013) ou As bolboretas do Mekong (2018).
Sobre a súa escrita e a poesía galega actual disertará na Universidade do Ceará dentro do programa cultural e académico “en conmemoración do Día das Letras Galegas” que decorrerá entre o 20 e o 24 de maio. Sánchez Iglesias presentará ademais a versión en portugués do Brasil de Caderno do Nilo, lerá textos de As bolboretas do Mekong e falará sobre literatura de tradición oral galega na Academia das Letras do Ceará.
“O premio serviume para facer balanzo”, insiste, antes de concluír: “Sempre tiven presente, e visitar o cuarto do Centro Galego de Bos Aires onde morreu Castelao lembroumo, aquilo que di o Sempre en Galiza: ‘Nunca nos derrotaron a esperanza’. Ese é o elemento vertebrador da miña xeración”. Ao pouco tempo, o poeta envía por whatsapp unha nova conclusión. Desta volta cita Nepomuceno: “Não tem pátria um povo que não canta no seu idioma”.”