Eli Ríos: “Cando adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores”

Entrevista de Uxía Iglesias a Eli Ríos en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): A túa escrita é claramente feminista. É unha necesidade? Poderías concibilo doutro xeito?
– Eli Ríos (ER): Non creo que sexa unha necesidade. Ser feminista non é algo que escollas. Non podes dicir: ‘pois vou ser feminista de nove a nove e media’. É unha mirada, é unha forma de estar na vida, eu son feminista as 24 h da vida e en todos os aspectos da miña vida. É algo natural. A miña ten que ser unha escrita feminista porque é o que eu son. (…)
– GC: E no teu caso, cales foron e son os teus referentes?
– ER: O que lin no instituto foron sempre obras de señores. Medrei pensando que as mulleres non escribiamos. Eu vía a Rosalía, a única señora, e era unha Rosalía que sempre estaba chorando e queixándose de todo, e claro, a min interesábame ben pouco. Pero de repente comezas a facer todo este proceso, que leva o seu tempo… Raio! Somos a metade da poboación, estatisticamente é imposible que as mulleres non escribamos. Comezas a investigar, cousa que non é facil porque non está accesible, e descubres a Ursula K. Le Guin, descubres a Agatha Christie na novela negra… ‘Como non me deron a coñecer isto antes?’ Regresas outra vez sobre Rosalía e decátaste de que é a primeira feminista da nosa historia, de que está reivindicando a loita das mulleres e as nosas raíces.
No momento no que adquirín unha mirada crítica deixei de ler obras de señores, porque non me interesa. É sempre o mesmo, teñen catro clichés e non saen de aí. Interésame moito máis o que fan as mulleres porque escriben desde as marxes, dende unha posición de non privilexio. A partir de aí é dende onde se contan cousas que a min me interesan. Xela Arias, por exemplo, esa muller que di ‘intempériome‘. Como non a estudamos nos institutos? Como non chegamos á súa literatura? Paréceme aberrante. Todas as mulleres que escribiron antes ca a nosa xeración foron abrindo portas: María Xosé Queizán, María Vitoria Moreno, Xohana Torres, a inmensa Begoña Caamaño. Todas elas son mulleres que nos facilitaron o camiño e nos ofreceron referentes ás autoras de hoxe. Non seriamos nada sen o traballo das compañeiras. (…)
– GC: E como está de saúde o mundo literario?
– ER: Eu traballo nas marxes, con mulleres. Nesas marxes o sistema literario é vizosísimo. Estanse facendo traducións feministas, textos que rompen con todo o anterior, xa sexa na forma e no contido. O resto? Non me interesa o sistema literario que fala sempre do mesmo. Creo que hai un mercantilismo atroz que vai acabar con nós, que nos vai autoconsumir. Estámoslle prestando moitísima atención ás campañas de marketing, e un dos que máis funciona é o do feminismo. Ti poslle a un libro a etiqueta de feminismo e parece que xa está todo feito, cando o contido está dicindo exactamente o mesmo: hai un señor que me explica cousas. Ese mercantilismo, ese sacar produtos porque si, vai acabar con nós, converteranos nun panfleto. Precisamente nas persoas que están creando nas marxes está o futuro da literatura galega. (…)”