Desde Culturalia GZ:
“O escritor Xurxo Alonso, de Vilagarcía de Arousa, co poemario Hora de penumbra na categoría de maiores de 18 anos, e a pontevedresa Mariña Maceiras Segovia, coa obra Unha fraga de laios, na de menores de 18, son os gañadores do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa de San Martiño de Pino coa colaboración de Culturalia GZ.
O xurado do concurso, integrado por Martiño Maseda, Ana Mar Fraga, Montserrat González, Xosé Otero Canto e Armando Requeixo, quixo destacar a “solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forza simbólica empregada no discurso” da composición de Alonso para facelo merecedor dos 1.500 euros do premio.
Pola súa banda, foi a “delicada inxeleza” dos versos de Maceiras, así coma “o realismo e a emotividade” destes, xunto coa súa “chamada ao espertar das conciencias” o que o fixo decantarse pola obra desta moza de 14 anos que recibirá libros e unha tablet.
O segundo premio na categoría de adultos recaeu en De casa queimada, de Iria Collazo (Moaña), quen puxo a súa “voz poética ao servizo da intensión dos sentimentos”, mentres que o “acerto do seu marcado ton intimista” nos versos de E sigo pensando en ti lle reportou á monfortina Sandra Rodríguez o segundo premio entre os menores de 18 anos, dotado con libros e un ebook.
O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, agradeceu unha vez máis a boa resposta a esta convocatoria, á que concorreron máis de 30 orixinais, e adiantou que os premios se entregarán o 14 de decembro no local social de Pino.
Previamente, o 5, terá lugar en Cospeito a presentación dos libros gañadores na categoría de adultos da primeira edición do certame, que edita Alvarellos: Caldaloba en terras de Valverde, de Xesús Rábade Paredes, que se fixo co primeiro premio, e Na pel das árbores do vento, de Paulino Peña.”