Xesús Rábade Paredes gaña o primeiro premio Caldaloba

Desde La Voz de Galicia:
“O xurado da primeira edición do certame de poesía Torre de Caldaloba, que promoveu o Concello de Cospeito, concedeu o premio a Xesús Rábade Paredes; mentres que o ouresán Paulino Peña Vázquez recibiu o segundo premio. Na categoría de menos de 18 anos, a gañadora foi Andrea Sanjurjo (A Pobra do Caramiñal), mentres que segundo foi Yaré Brea (A Coruña). O xurado valorou a obra gañadora, precisamente sobre a Torre de Caldaloba, “pola súa imaxinación e riqueza”. O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, amosaba a súa satisfacción polo éxito de participación, con 52 traballos presentados, e pola calidade dos mesmos, como destacou o xurado. Ademais, indicou «que foi unha sorpresa agradable que o gañador fose nado en Cospeito e unha figura relevante das nosas letras». O premio entregarase o sábado 15 de decembro, ás seis da tarde, no local social de Pino. O gañador recibirá 1.500 euros e a publicación da obra.”

No II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Artigo publicado por Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“O pasado sábado día 26 de outubro tivo lugar en Mondoñedo a xuntanza do xurado que había de proclamar os gañadores do II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, convocado polo Concello de Mondoñedo e patrocinado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo. Con tal motivo, reunímonos nas dependencias da Biblioteca da cidade a profesora e investigadora Áurea Ramil, o estudoso e docente Xosé María Felpeto Enríquez e mais o que subscribe esta crónica baixo a coordinación do técnico de Cultura do concello Gil Ares.
Logo dunha moi animada sesión que se estendeu por espazo de case dúas horas, o xurado conseguiu ir peneirando en sucesivas roldas os sesenta e catro traballos presentados ata ficar co tríade gañador.
Destarte, acordou por unanimidade outorgar o 1º Premio a dona Carmen Pereiras Pérez (Cartelle, 1959), quen se fixo co galardón polo conxunto poético titulado De esmagar descalza, que presentou baixo o lema A metralla dos reloxos. O 2º Premio foi parar a mans de don Paulino Peña Álvarez (Vilardevós, 1960), quen o conseguiu con Nas dársenas do estío, achegado co lema Os vagalumes perforan a noite. Finalmente, o 3º Premio recalou en don Jacobo Llamas Martínez (Lugo, 1980), que asinou o texto Elexías perdidas co lema Fame nas vértebras.
Cómpre salientar tanto a alta participación no concurso coma a calidade dun número importante dos traballos presentados, que obrigaron ao xurado a escolmar entre orixinais de moi diversos estilos e temáticas mais de indubidable valía. (…)
O vindeiro sábado día 9 de novembro, nun acto solemne no Salón Nobre do Concello de Mondoñedo, terá lugar a entrega de galardóns deste II Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, á que acudirán a felicitar aos distinguidos as autoridades municipais e da Deputación, amais de diversos representantes da vida cultural mindoniense e outra veciñanza.
Con motivo desta entrega, realizarase tamén unha ofrenda floral no Cemiterio Vello de Mondoñedo diante da tumba do escritor que dá nome ao certame, acto que coordinarán os membros do Grupo Literario Manuel Leiras Pulpeiro.”