Pontevedra: “A derradeira lección continúa”, por Xosé Álvarez

Charla/conferencia a cargo do historiador, traballador da nosa memoria e membro da Fundación Alexandre Bóveda, Xosé Álvarez, con intervención de Amalia Bóveda. Acto aberto no paraninfo do Museo de Pontevedra.

Poio e Pontevedra: programación do Día da Galiza Mártir 2026

A Coruña: VIII Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, o 24 de outubro

A AELG organiza as VIII Xornadas de Literatura Infantil e Mediación Literaria, en colaboración coa Universidade da Coruña, ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral da Lingua, que nesta nova edición ten o título de A creación de Monstr3s. Un percorrido pola cadea do libro.

Terá lugar o venres 24 de outubro, ás 19:30 horas, no local da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André 36, 1º, A Coruña). A entrada é libre e gratuíta.

O obradoiro-coloquio contará coa presenza de:
– Laura Parrula.
– Óscar Villán.

Desde a Universidade da Coruña colaboran con esta actividade as profesoras Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino Freire, Patricia Carballal Miñán e Andrea Maceiras Lafuente.

Carlos Callón, autor de O libro negro da lingua galega: “A un taxista déronlle 48 horas para cambiar Rianxo por Rianjo”

Entrevista de Sandra Faginas a Carlos Callón en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): No libro constatas que ao longo de cinco séculos falar e escribir en galego foi unha heroicidade. Que anécdota che sorprendeu máis?
– Carlos Callón (CC): Eu non sabía que os fascistas profanaran a tumba de Alexandre Bóveda para cambiarlle o nome na lápida que el mesmo deixara disposta antes de que o asasinasen, porque el quería que puxese Alexandre en galego. E houbo franquistas que entraron na tumba e lle puxeron un iota por riba. Tamén me sorprendeu que non estivesen recollidas en ningún libro a cantidade de multas que se poñían por falar galego en público, ou ese expediente que se abriu a un funcionario da Deputación de Lugo por «exagerado acento gallego». Sorprendéronme moitas anécdotas.
– LVG: Ti partes de varias premisas ou falacias. Unha delas é que o galego non só foi perseguido no franquismo.
– CC: Si. Hai quen pensa que a situación do galego actual de perda de falantes é debida a que a xente espontaneamente non o ama ou porque non se reclamou a súa extensión social, pero o franquismo só aplicou unha política que xa era habitual. Durante a Segunda República o galego non foi lingua oficial non porque non cumprise os criterios, como foi o caso catalán, senón porque se lle puxeron paus na roda. Castelao pediu nas Cortes Constituíntes en 1931 que non se obstaculizase o uso do galego na Administración e votouse en contra. E antes, en 1910, pediuse a cátedra de galego para Santiago e o gobernador civil interveu parando esas mobilizacións. Hai moitos exemplos.
– LVG: En que época houbo máis represión?
– CC: Hai tres momentos traumáticos: a finais do século XV, coa doma do reino de Galicia por parte dos Reis Católicos, outro coa chegada dos Borbóns no século XVIII, que significou a agresividade escolar e as tentativas de desgaleguización. É cando se publica algún regulamento que di que hai que perseguir aos nenos na escola que falen galego. E o terceiro foi o franquismo.
– LVG: Cal foi a maior multa por defender o galego?
– CC: Se non me falla a memoria, foi para La Voz de Galicia. Nos anos 60 permitiuse utilizar na misa a lingua que a xente falaba, e no Estado español foi así para o castelán, o vasco e o catalán, pero non para o galego. Entón empezou unha mobilización en defensa da lingua, que penso que foi a maior do século XX, na que La Voz tivo un papel destacado. Deulle un premio Fernández Latorre a un artigo que defendía a misa en galego e por esa causa impúxoselle unha multa de 50.000 pesetas. Tamén á mestra Pepa Baamonde deixárona medio ano sen soldo por falar en galego a nenos de 4.º de primaria. Hai moitos casos.
– LVG: Como o do taxista.
– CC: Si, foi en 1972. Déronlle 48 horas para rotular o seu coche co nome de Rianjo en lugar de Rianxo. Se non o facía, quitábanlle a licenza. Eu agradecinlle en persoa a ese taxista, que puido asistir este verán ao acto de presentación do libro e contou alí mesmo a historia. Un relato que di moito porque son historias de xente que levantou a voz e non quixo asumir esas prohibicións como algo natural. Persoas que querían poñerlle nomes galegos aos fillos e non podían, ou aquelas ás que obrigaban a castelanizarlle o apelido, como esa señora que de golpe pasa de ser Meixide a Meigide. (…)”

Xosé Luís Méndez Ferrín: “Penso que todo escritor que publica en galego é independentista”

Entrevista a Xosé Luís Méndez Ferrín en Balea Cultural:
“(…) – Balea Cultural (BC): Máis adiante fuches a Compostela. Entre outros, deuche clase Otero Pedrayo. É unha figura que en numerosas ocasións reivindicaches.
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): Na época do Frente Popular, Otero Pedrayo non marchou coa dereita galeguista, quedou con Castelao e con Bóveda. Probablemente é a figura máis grande dende o punto de vista cultural e ideolóxico moi amplo do nacionalismo, tal e como a min me afectou, non sei a outros.
Nos anos 60 veu unha moda por parte do carrillismo, do falso comunismo, do comunismo que soamente tiña del o nome, de considerar a Otero Pedrayo unha figura conservadora. Eu non o vexo conservador. El foi case o primeiro en dicir que o futuro de Galicia era unha república, unha república galega. Primeiro díxoo Manuel Antonio, pero case en privado e sen moito eco. Unha república campesiña, claro, pero o dicía en público. (…)
– BC: Fai tempo definícheste como un profesor que escribe, agora xubilado pensas que segues ensinando?
– XLMF: Agora son un xubilado que escribe pouco (Risas). O estatuto sociolóxico de escritor en Galicia é inexistente. Quen vive de ser escritor ou escritora en Galicia? Ninguén. Estou pensando e Manolo Rivas, que debe de ser o único. Foi o único que logrou romper a barreira e aparecer no mundo como escritor galego.
Se te fixas na difusión que tivo Álvaro Cunqueiro, por exemplo da súa tradución ao inglés, e investigas a edición poderás ver que pon “From Spanish”. O mesmo noutras linguas. Cunqueiro traducíase a si mesmo ao castelán sen indicar que se publicara anteriormente en galego. Rivas non, deixa claro que a súa obra está escrita orixinalmente en galego xa sexa aquí como en Alemaña. Este tema non foi tratado nunca, pero realmente merece a pena ser analizado.
– BC: A literatura galega segue sendo subalterna a pesar de pasar xa tantos anos dende o franquismo?
XLMF: É subalterna. Absolutamente subalterna. A pesar de ser igual ou mellor á literatura de calquera outro país soberano como pode ser Portugal. Manuel Antonio cun libro é superior a Fernando Pessoa cunha colección de heterónimos xuntos. E é unha cuestión de talento, nada máis. Non hai unha Rosalía de Castro dese nivel en Europa durante o século XIX. Non existe.
O que ocorre é que seguimos sendo invisibles incluso dentro da nosa casa. En España hai un premio Cervantes e uns Premios Nacionais que cotizamos para eles e se lle dan aos escritores mellor dotados. Incluso a sudamericanos, o cal me parece bárbaro porque todo o que se lle dea aos escritores é para contribuír a que se liberen e que non lles controlen outros.
En Galicia non existen premios á literatura. O escritor galego está sancionado, por iso algúns malos escritores galegos optimizan a súa condición para incrustarse en institucións autonómicas que si pagan por servir como o Consello da Cultura Galega. É un manxadeiro de intelectuais mediocres que van buscar a manteiga, o cal nos convirte nunha colonia.
O que me parece incrible é que os escritores galegos teñan dignidade, sigan escribindo en galego, produzan, anden coa cabeza e o peito levantada e estean alí. E son moitos, iso si, están marxinados. Case todos premios en lingua galega se lle deron a escritores e escritoras de literatura infantil e xuvenil. Aí se lle recoñece que Galicia ten unha certa preponderancia, nun lugar considerado menor. Que non é para nada menor por outro lado. (…)
– BC: Pensas que na actualidade un artista comprometido galego ten a obriga de pular pola emancipación?
– XLMF: Depende de a que lle chames comprometido. En Galicia hai moita xente que ten conciencia de clase e non é independentista e moitos máis que veñen co independentismo no armario. Eu creo que Castelao era independentista pero nunca o dixo en público. Penso que non pode haber un nacionalista galego que non sexa independentista, iso si, o gardan totalmente. E non soamente en Galicia, o nacionalismo catalán estivo sendo non independentista ata onte. Na miña xuventude e madurez en Cataluña non había máis partido independentista que un que se chamaba Partit Socialista d’Alliberament Nacional.
En canto aos escritores, penso que todo escritor que publica en galego é independentista, se non, non escribiría en galego. O que se pensa é que non hai que facelo visible nin evidente, pero claro, pode pensarse que non é posible o comunismo despois do fracaso das diferentes experiencias, pero ou se aspira a iso ou nos quedamos como estamos, non hai posibilidades intermedias. É o mesmo con Galicia: é independente ou esfarela. Tardará máis ou menos tempo en facelo, pero leva séculos esfarelando. Ou as persoas son donas dos seus recursos e da riqueza dos seus países, ou seguirán sendo escravos. (…)”

Discurso de entrega e recepción da navalla de Manuel María, por Xosé Estévez

Desde Sermos Galiza:
“Cando oín por teléfono a voz clara e diáfana do “pregoeiro da luz”, Alfonso Blanco, co fin de comunicarme que fora elixido para entregarme a navalla do Manuel María e ingresar nesta enxebre confraría da Navalla, Santa Compaña e Alba de Gloria dos bos e xenerosos, sentinme moi honrado e orgulloso de pertencer á tribo chairega dos pacíficos navalleiros/as e a formar parte da nación dos galaicos. Pero, sobre todo, pois “de ben nacidos é ser agradecidos”, o meu corazón vibrou de inmensa gratitude. Gratitude, pois, para Alfonso, para a Irmandade Manuel María e para a Asociación Xermolos.
Quixera agradecer a presencia de bos amigos e amigas da Terra Cha, da Coruña, de Monforte, de Lugo, da Fonsagrada, de Quiroga, onde os viños son sedentarios e os bebedores nómades. Tamén os vidos doutros recantos deste noso País, que tanto precisa de verdadeiros patriotas, un sentimento de identidade, que vai con nós alí onde nos encontremos, pois “Galiza somos nós: a xente e máis a fala. Se buscas a Galiza en ti tes que atopala”. Os que fomos obrigados a sachar o barbeito da emigración fachendeamos sen complexos de ser galegos de nación, o que non nos impide abrirnos a solidariedade coa patria que nos doou pan, traballo, agarimo e familia.
Recordo tamén a todos e a todas as que gozaron deste santo grial navalleiro, as últimas, Moncho Valcarce, in memoriam, e a amiga Branca Rodríguez Pazos. Hoxe dela recibo esta credencial con lámina de Eneko, enfeitizada coa ferroviaria e  irónica presentación do bo amigo Paco Martín, a quen debo dicirlle que o profesor Lamote imparte tamén clases en Oiartzun nunha variante chairega do éuscaro. Afágame recibila na compaña de Xabier DoCampo. A Xabier dabondo cedo “lle petaron na porta pola noite”, pero coido que xa resolveu “o misterio das badaladas” e goza da “casa da luz”, onde nos veremos na celestial memoria da chaira enteira. Todas/os participaron dalgún xeito desta liturxia de comuñón, rito irmanador de xantar en común unión con queixo, pan e viño. Prisciliano prefería leite e, aínda que son priscilianista confeso e malia que un galeno insensible prohibiume as bebidas inebriantes, non acredito nesta faciana, si noutras, do gran disidente do século IV, que procuraba a volta a un cristianismo evanxélico auténtico e afirmaba no crismón da Ermida: ”Aurum tibi vile est, argenti pondera caedant; melior est quod propia felicitate nites” (o ouro é vil para ti, abátase a prata. Mellor é o que brillas pola túa propia felicidade). E non serán resaibos priscilianistas o sol e a lúa, inseridos no mango da navalla de Consuelo Casanova, a quiroguesa, que deixou en herdanza ao seu neto, Manuel María? (A luz ressuscitada, 1984):
“Miña pequena, querida, preciosa navalliña
de marfil, prata, corno de cervo
e moi excelente aceiro cortador,
no lombo levas estas letras.C C.,
iniciais daquela miña avoa, chamada
Consuelo Casanova Neira, A Quiroguesa,
sombra esvaída na lembranza miña.
Tes gravada, no mango ben luído,
o sol e máis a lúa, símbolos
do mundo astral e da vida xenerosa,
que en nós latexa, corre, brinca e canta…”.
A navalla, que hoxe me entregades, pode servir para unha prosaica tarefa “in extrema necesitate”, a de calibrar a fondura do unto de algún desalmado, pero sobre todo ten unha función simbólica, transmitir os valores que Manuel María representaba: respecto, humor san e amable, trato cordial, coherencia, integridade, honestidade, xenerosidade, sobriedade franciscana, humanismo liberador, vitalismo contaxioso, acolledora hospitalidade, compromiso social e patriótico, comportamento ético, actitude de servizo, procura da unión e da concordia, nobreza de espírito, comprensión integradora, aprecio polo propio sen desprezo do alleo, aposta pola variedade, que é a riqueza do mundo, e coñecemento e amor inmenso polo País. Na casa da Saleta e do Manuel cumpríase o que di o frontispicio do pazo Arizmendi Enea de Oiartzun: “Hemen sartzen dana, bere etxean dago” (Todo o que entra eiquí, está na súa casa).
A navalla reparte anacos de emoción fraternal para compartir os alimentos naturais e espirituais, necesarios para a vida, unha vida compartida cos demais, que articule células de convivencia nos distintos chanzos da sociedade, coa finalidade de facer país, un país cada vez máis solidario, libre, xusto, soberano e orgulloso da súa identidade nacional. Hai que desterrar dunha vez por todas o complexo do colonizado e suprimir do noso vocabulario e das nosas actitudes dous refráns que circulan acotío e súan resignación e egoísmo por todos os poros da sociedade, sometida a un capitalismo consumista e individualista : “Éche o que hai” e “Cada un vai ó seu, menos eu que vou ao meu”. Non acreditemos no determinismo histórico. Temos azos para a revolta e para cambiar o sistema co noso libre albedrío. A única loita que se perde é a que se abandona.
Antes de nós houbo persoeiros que foron mestres e guieiros. Temos moitos espellos en que mirarnos, devanceiros que sementaron ideas e levaron unhas vidas exemplares. Uns ben próximos a este ritual e a estas terras, Avelino Pousa ou Díaz Castro, outros clásicos, fachos acesos sempre aos hai que volver, seguir, ler e reler: Manuel Murguía, Otero Pedrayo, Plácido Castro, os irmaos Villar Ponte, López Cuevillas, Paz Andrade, Vicente Risco, tamén Risco. E por suposto, Rosalía, Alexandre Bóveda, Castelao e Manuel María. Os catro últimos son os meus constantes referentes e Manuel María é a empática simbiose de todos eles.
Que máis vou dicir de Manuel María, neste décimo quinto aniversario do seu pasamento!! Foi o meirande amigo que tiven nesta vida, un verdadeiro irmao. Cantas veces lembro as viaxes por Galiza e por Euskal Herria, as estadías e conversas en Hernani, en Monforte, na casa familiar de Outeiro, en Quiroga, na Coruña. Sempre volvía ao torrón natal co cobizoso desexo dunha vizosa lectura, co corazón latexando de emoción patriótica, co espírito gozoso de amizade, co ánimo fornecido coa miña escolla vital e cos anaqueis da cabeciña debida e competentemente asentados no seu auténtico lugar. Na miña xa provecta existencia houbo tres fendas vitais, que deixaron maltreito o meu corazón: a morte do meu pai en 1987, a de Manuel María no 2004 e a da miña filla Alda no 2006.
Manuel María prologou un libro meu e dedicoulle á miña familia un libro enteiro, Sonetos ó Val de Quiroga, e varios poemas.  Son moi parcial deste.
“SONETIÑO ó carballo que o noso amigo PEPE ESTEVEZ, quirogués e historiador, levou dende Carballido da Terra Cha a Oiartzun de Guipuzkoa, pra trasplantalo nun eido da súa pertenencia e da súa dona MARIBEL GOÑI”.
“Carballo de Carballido:
na Terra Cha tes nación
e levas no corazón
un puro amor trascendido!
Non deas nunca ó olvido
idioma, patria e canción
que o teu nativo torrón
queda, sen ti, dolorido!
Asume un novo destiño
plenamente. E sen espera:
faite luz, símbolo e siño!
Ti non eres un calquera:
dille en galego ó Pepiño
que che adeprenda o euskera!”
Manuel María. Abril do 1997. Ano de Anxel Fole”.
Hoxe o carballo é un rebolo mozo e bilingüe. Cando foxen os ventos do Xistral, nas ponlas e follas o cuco e o melriño cantan a dúo o carro e máis o txoria de Mikel Laboa.
Manuel María, como o malvís dunha canción vasca, perdeu a vida terreal, pero segue a cantar nas súas obras, co seu exemplo, co seu compromiso ético e estético e na memoria total dos amigos e amigas do País enteiro. Dende o alén remítenos unha lumiera de esperanza e unha nidia mensaxe: acadar en harmónica e fraternal xeira a emancipación nacional e social desta nosa Patria, que espero percorrer algún día liberada do Courel a Compostela, dende Quiroga á Guarda e dende Fisterra deica Outeiro de Rei para depositar na súa campa unha rosa e un caravel.
Moitas, moitísimas grazas por concederme iste enorme galano e por aturar con paciencia o sermón deste Frei Xerundio de Campazas, empoleirado no púlpito como predicador da novena a Santa Isabel, composta por Manuel María. Recomendaba o autor, o “devoto”, rezala con “unción e recollemento”. O propósito final do primeiro día sentencia:  “Seremos sempre fieles á nosa Terra e procuraremos coñecela e comprendela mellor para amala máis fondamente”. Que así sexa. Per saecula saeculorum. Amén.
Consello final a xeito de Manuel María: Portádevos mal que sodes novos e estades a tempo, pois o meu xa prescribiu. Ben sei que a xente, se se lle dá tempo, morre. Pero non teñades présa en realizar a viaxe final, pois non se vai no taxi do Coles, senón en coche fúnebre. E se a Parca teima coa gadaña, repoñédevos coma o vello agonizante do conto. Cando o crego lle recitou a oración final da extremaunción:”Sal alma cristiana de este cuerpo pecador para gozar en el cielo de las delicias del Creador...”, o vello espertou e dixo:”Alma, non lle fagas caso ao cura; quédate onde estás, que estás moi ben”.

Campa da Santa Isabel, Outeiro de Rei. Setembro de 2019″