Proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega sobre o Día das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fai pública a carta que dirixiu ao presidente da Real Academia Galega, coa seguinte proposta sobre o Día das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero.

“Sr. Presidente da Real Academia Galega,
Prezado Sr. D. Víctor Freixanes,

A situación de excepcionalidade sanitaria, social e cultural que está a vivir a Galiza, levou a anular toda posibilidade de normal celebración das actividades de divulgación da figura do narrador, poeta, ensaísta, lingüista, profesor e pensador don Ricardo Carvalho Calero, no ensino e nas diversas actividades de concellos e outros colectivos culturais.
Despois de se reunir o Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, acordou trasladarlle á Real Academia Galega, institución que vostede tan dignamente preside, que avalíe a necesidade dunha prórroga/alongamento do Día das Letras 2020 ao ano 2021, no pleno da RAG para tal fin, e, en consecuencia, a non elección dunha nova figura para ser celebrada en 2021.
A RAG, como consecuencia desta grave situación, decidiu adiar ao 31 de outubro -data próxima ao aniversario do nacemento no noso escritor- os actos de celebración das Letras Galegas deste ano 2020. A celebración do seu nacemento xustificaría de por si tan importante acto a celebrar pola RAG e toda a cidadanía na súa cidade natal.
Sendo conscientes do esforzo que a RAG fai anualmente para a divulgación do autor ou autora elixido, e as medidas que este ano serán feitas para substituír a celebración dos actos presenciais que normalmente veñen acompañados da implicación de todas as institucións e administracións, así como nos precitados ámbitos: editorial, educativo e de diversos colectivos sociais da cultura e outros, pensamos que sería unha inxustiza histórica que o autor homenaxeado non poida ser achegado á sociedade e aos seus escolares como todo autor e autora mereceron no pasado, dentro dunha maior normalidade social e cultural.
Ao tempo, a que será nova autora do ano 2022, que agardamos sexa unha muller, podería dispor tamén dunha outra normalidade social e cultural. Como ben sabe, a nosa Asociación apoiou e seguirá a apoiar sempre as actividades da RAG que vostede preside, mesmo nunhas circunstancias tan adversas como as actuais, e nas actividades futuras das escritoras e escritores elixidos.
Por todo o antes exposto, agradeceríamos tomase en consideración a nosa proposta, arriba desenvolvida, para que sexa posta en valor a figura de D. Ricardo Carvalho Calero e a súa tan importante obra para a nosa literatura e a nosa cultura.

Reciba os cumprimentos do Consello Directivo da AELG e, no seu nome, o afectuoso saúdo de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega”