Henrique Rabuñal: “Carvalho Calero é un autor moi complexo, moi moderno, un pouco afastado das modas, un clásico”

Entrevista a Henrique Rabuñal na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Este Ano Ricardo Carvalho Calero déixanos, entre outras biografías, a que vostede mesmo asina: Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra (Galaxia, 2020). Por que elixiu este subtítulo, que bebe da súa obra poética, para sintetizar o seu retrato?
– Henrique Rabuñal (HR): Ademais dunha referencia á súa obra poética –hai varias no meu libro– e de buscar un subtítulo suxestivo, o que fago desde o comezo é unha declaración de intencións. Para min, Ricardo é un anxo entregado á súa terra na nosa mellor tradición, a de Otero ou Castelao, de quen Carvalho se recoñece discípulo. (…)
– RAG: Descubriu del, durante o proceso de documentación, algún aspecto que descoñecese e que lle sorprendese especialmente? Que Carvalho Calero queda pendente de descubrir colectivamente?
– HR: A figura de Carvalho é tan completa e complexa que seguirá pendente dunha biografía como as que nos últimos anos se publicaron de Murguía, Rosalía ou Castelao. Pero penso que coñecemos os aspectos básicos da súa biografía intelectual e humana porque sobre Carvalho traballaron, e moi ben, moitos e moitas investigadores aos que teño en conta na miña biografía. O que me sorprendeu elaborando o libro son dous aspectos. Un, a súa inmensa capacidade de traballo sobrepóndose a adversidades de todo tipo. Outro, o seu altísimo compromiso co país mesmo cando levaba aparellado unha certa incomprensión ou decididamente unha certa exclusión. Isto só acontece nos grandes intelectuais.
– RAG: Coñeceu a don Ricardo persoalmente? Que recordo garda del?
– HR: Coñecino. Trateino na última década da súa vida. Viaxei con el, asistín a actividades académicas e a conferencias súas, compartín publicacións, falamos por teléfono, prologoume o meu primeiro libro. Non fun alumno seu pero nos meus anos de estudante, Ricardo era a bandeira da mellor tradición galeguista. Unha persoa xenerosa e rigorosa que tamén representaba unha dignidade exemplar no exercicio propio do labor intelectual. (…)
– RAG: Que destacaría do seu legado na Galicia do século XXI?
– HR: Ricardo dicía de Otero Pedrayo, de quen foi durante 50 anos un dos seus mellores analistas, que o noso país non se podía construír contra el. Eu dígoo de Carvalho. A mellor Galiza non se pode construír máis que inserindo o exemplo e a obra monumental de Ricardo dentro da nosa sociedade. Penso que en conxunto a súa obra está á altura dos máis grandes autores e autoras que deu a cultura contemporánea. Este ano é unha ocasión única para verificalo.”