Artigo de Irene Pin en Nós Diario:
“”Éste vaise i aquél vaise, / e todos, todos se van. / Galicia, sin homes quedas / que te poidan traballar”, ecoan os versos de Rosalía en Follas Novas. Mais esa hemorraxia migratoria, como retrataba a autora, deixaba atrás “corazóns que sufren / longas ausencias mortás, / viudas de vivos e mortos / que ninguén consolará”. Desta figura versa precisamente o ensaio gañador do Premio Xohana Torres 2019. Co título Xohana Torres: Das viúvas de vivos á muller navegante, a investigadora Ana Garrido salta entre dúas iconas da literatura galega, mais tamén do feminismo.
O estudo sobre a obra de Torres enmárcase nun traballo moito máis amplo, co que Garrido persegue esas “viúvas de vivo” na literatura galega, opostas ao que se chegou a converter no modelo dominante, que identifica con Díaz Castro e a idea da Penélope que espera eternamente o retorno do emigrante. Fronte a isto, Garrido segue a liña de denuncia rosaliana da muller como parte silandeira da emigración, que sofre ao “caer sobre ela unha carga de traballo xigantesca”.
Nos textos do período das Irmandades da Fala ou do exilio, a profesora detecta como se mestura a imaxe desa muller que agarda coa da “tola consciente”, pois “hai pouca saída para a viúva de vivo que non se conforma coa súa situación”, comenta, o que a condena a esa posición de demencia. Isto aparece, por exemplo, no conto final das Historias e invenciones de Félix Muriel (1943), escrito por Rafael Dieste en Bos Aires.
Deste traballo, moi extenso e disperso en diferentes revistas como Madrygal ou Abriu, Xohana Torres vólvese elo fundamental porque “é a que acaba de revolucionar o tema que enunciara Rosalía: a viúva de vivo como denuncia social”. Porén, a investigadora percibía un baleiro de coñecemento arredor da autora, focado sobre todo na súa faceta poética, esa muller navegante que se opón á espera permanente da Penélope idealizada.
“Dos 80 en diante está super estudada, tense falado moito e moi ben dela”, afirma, mais da etapa anterior, nos poucos artigos que atopaba as cousas que non lle cadraban. É o caso de textos de críticas feministas que ven na nai de Maxa, a protagonista de Adiós, María, unha muller que “claudica ante as necesidades do home e deixa atrás os fillos”, explica Garrido.
Iso non tiña senso desde a perspectiva activa e implicada da Torres da época, para alén de que na realidade do momento “moitas mulleres estaban saíndo á emigración; entón Galiza estaría chea de abandonadoras de fillos!”. O que fai a escritora, pola contra, é ofrecer “outros modelos de muller, moi en relación coa emigración ou co exilio -presente tamén no teatro-, que non se resignan ao papel asignado”, opina Garrido.
Neste senso, entende que Maxa comeza a ser “unha orfa de vivo consciente, aínda que non sabe saír da situación”, chegando a se contemplar a si propia como un cristo ou unha virxe crucificada. “Esa figura comeza a rachar coa idea de muller galega unida á viúva de vivo, esa matriarca sacrificada que o deixa todo pola familia, que só vive para os demais”, di Garrido.
O que ás veces pode mesmo semellar unha imaxe moi feminista, para ela non o é -nin cre que o fose para Torres- porque “agocha a situación opresiva e de traballo excesivo que viven elas, á parte de que non teñen opción”. Dentro desta gama, a nai de Maxa aparece marcada como a primeira muller que escolle marchar, opción non vencellada aos designios masculinos. “Ela decide non ser viúva de vivo”, afirma a investigadora.
Cabe destacar que “Torres escribe en paralelo á emigración dos anos 60 e 70 a Europa, cando a muller comeza a coller as maletas, moitas mesmo marchan soas”. Este gran cambio “aínda hoxe se ve pouco na literatura galega”, observa Garrido, se ben destaca autoras como Eva Moreda que si o trataron.
Xohana Torres foi unha muller “rodeada polos homes de Galaxia”, que participa activamente da vida cultural. “Pero cando miras as críticas que fai das súas obras Carvalho Calero, por pór un exemplo, ás veces non parece que falen da mesma obra”, indica. As referencias á súa “sensibilidade” ou a tópicos como “que se nota que comezou coa poesía”, moi vencellados á escrita feminina.
“Tampouco comprende por que a protagonista de Á outra banda do Íberr (1965) é unha muller exiliada, cando a el lle parece máis interesante o seu home”, comenta Garrido. “Nin sequera chega a ver que o principal nesa peza teatral é o dilema que ela vive, non sobre volver ou non volver, senón de ser capaz de decidir por si mesma que quere facer”, algo que aparece explícito no texto.
A investigadora atribúe isto a que os intelectuais do momento “non estaban preparados para entendelo”. Logo, moitas críticas beberían deste pouso, pois “non é tan doado recuperar o potencial tan forte que ten toda a obra de Torres, incluída a anterior aos 80, porque se escureceu na ditadura e nunha época con ese peso machista tan forte”.
A da propia Garrido é unha experiencia de emigración, pois desenvolve este traballo desde a Universidade de Varsovia (Polonia), onde comezou en 2010 a traballar como lectora. Logo ficou a facer o doutoramento cunha oferta do centro. Actualmente está en dous grupos de investigación: GENIA, máis centrado no feminismo, e (Outra)Iberia, que traballa sobre linguas minorizadas (o galego entre elas) con integrantes de diversas facultades. Outra navegante, nuns tempos distintos nos que a emigración, doutro modo, continúa moi presente. Pero iso é xa outra historia.”