Desde Galaxia:
“Reunido o 17 de xullo, por videoconferencia debido á situación sanitaria creada polo COVID-19, o xurado do XXXII Premio de Novela “Manuel García Barros (Ken Keirades)”, decidiu declarar gañadora a novela Flores de ferro, de María Rei Vilas.
O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Inma Otero e Carlos Loureiro, despois de ler os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, previas á xuntanza do día de hoxe, acordou, por maioría conceder o XXXII Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) á obra presentada baixo o lema “Escoitar a Briana”. Logo de abrir a plica, o dito lema correspóndese coa obra Flores de ferro da autoría de María Rei Vilas.
O xurado destacou desta novela que a protagonista, Camila, volve ás terras da infancia para pescudar nas orixes familiares e recuperar un período mediatizado polo pai. Alí ten que recompoñer a súa identidade, á vez que afronta desde o presente dos anos 80, a etapa da Guerra Civil. A orixinalidade radica tanto na estrutura narrativa ambiciosa que acompaña o crebacabezas persoal; coma na dosificación da intriga que anima a lectura. Así mesmo, destaca o protagonismo das mulleres como vítimas silenciadas, mais tamén como axentes que se enfrontan ao novo réxime.
(…) O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e Flores de ferro será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.”