Desde Galaxia:
“A obra Illa Decepción, da escritora Berta Dávila, resultou gañadora da XIV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa a portavoz do xurado, Anna R. Figueiredo. Con este recoñecemento, Dávila, convertese por segunda vez en gañadora deste galardón, do mesmo xeito que o foi na VII edición coa súa novela O derradeiro libro de Emma Olsen (2013, Editorial Galaxia).
O acto do ditame tivo lugar na sede da Real Academia Galega na Coruña, e contou coa presenza de representantes das cinco entidades impulsoras do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro por Editorial Galaxia.
O xurado elixiu Illa Decepción por unanimidade, pero destaca, non só o alto nivel de participación, senón a innegable calidade de moitas das novelas, amais da gran variedade de temas, rexistros e estilos que estas propoñen. Figueiredo transmitiu que o xurado do XIV Premio Narrativa Breve Repsol define Illa Decepción coma “unha novela de auto representación, en que a autora navega polos lugares cotiáns cunha delicadeza estilística posuída de grande elegancia ao tempo que expón ante o lectorado cuestións de fondo calado respecto da familia, das relacións interpersoais, da maternidade e da pertenza a un lugar e unha comunidade”. Entre a realidade de Santiago de Compostela, a sutileza na representación pictórica do confinamento, as viaxes soñadas e a rutina das lavanderías de pago, emerxe o universo ficticio de Beautiful Island como metáfora dun mundo en constante redefinición que bebe da emoción das experiencias pasadas para construír o seu territorio vivencial presente. Estilisticamente, a portavoz do xurado destacou que Illa Decepción “é unha obra escrita con admirable dominio dos recursos expresivos, extraordinario aproveitamento das imaxes, símbolos e referentes, e unha prosa depurada onde nada sobra e todo é substantivo.” Por todas estas razóns o xurado considerou que a novela de Berta Dávila é unha narración que nos revela unha voz poderosa, absolutamente actual.
O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, Fundación Repsol substituíuna para convocar o premio contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
O xurado da XIV edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas:
-Carlos González de Lema.
-Antón Lopo.
–Mercedes Queixas Zas.
–Armando Requeixo Cuba.
-Anna R. Figueiredo.”