Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez, faise coa terceira edición do Premio Selic

Desde Nós Diario:
“A concelleira de Acción Cultural do Concello de Compostela, Mercedes Rosón, fixo o anuncio da obra gañadora da terceira edición dos Premios Selic (Semana do Libro de Compostela), que recaeu en Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez. Outras dúas pezas, O novelo, de Óscar Senra e Partida salvada, de Fernando Epelde, foron merecedoras de cadanseu accésit.
De Baleiro o xurado quixo destacar a súa orixinalidade, pois Gabriel Gómez propón un futuro distópico no que se debuxa un cambio na situación política da Galiza e tamén unha historia persoal. “A proposta supón unha novidade argumental”, explican, “no panorama da narrativa actual, na que a crítica e o tratamento irónico do cotián están moi presentes”.
No referido ás novelas galardoadas con accésit, O novelo e Partida salvada, o xurado destaca da primeira “o retrato da cidade de Compostela elaborado desde diferentes perspectivas e personaxes diversos mediante o xénero policial”.
Unha narración que o autor, Óscar Senra, explicou, en rolda de prensa, que non define como novela, senón como unha serie por capítulos.
“Unha obra que vén a completar o universo das outras que publiquei, moi centrada no presente, escrita no confinamento”, que define “como me sentía no momento”, conclúe.
En Partida salvada, peza de teatro de Fernando Epelde, o xurado valorou a combinación de historias xeracionais e historias persoais, ao tempo que achega unha reflexión sobre os usos da lingua.
Segundo Mercedes Rosón, a esta edición dos premios presentáronse 34 obras: 18 de poesía, nove de narrativa, seis de teatro e unha de ensaio, incorporada este ano á convocatoria. Ademais a contía dos galardóns incrementouse, sendo de 6.000 euros para a obra gañadora e de 1.500 para cada accésit.”