Celebrado o 30 aniversario do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía

“As actividades de Arteixo no venres 14 de maio, na maior proximidade do Día das Letras dedicado a Xela Arias, comezaron ás 19:30 coa inauguración do Paseo das Letras, o que desde ese momento deixa ver, mediante placas de aceiro no chan da parte máis concorrida do paseo fluvial de Arteixo, os nomes de todas as persoas premiadas en trinta anos de Certame. A inauguración foi acompañada polos representantes dos partidos políticos do Concello de Arteixo, así como polo gaiteiro Óscar Miranda Lodeiros, quen interpretou o himno do Antigo Reino de Galiza.
A continuación foi plantada unha nova árbore, como vén sendo habitual en cada aniversario, ao pé da cal reza a seguinte lenda: “Na horizontal da terra / a vertical dos soños”. Tal breve texto foi brevemente explicado ao público polo autor da proposta, o director literario do Certame, Alfredo Ferreiro Salgueiro. Este xesto ecolóxico contou coa interpretación a violín da peza “O pasodobre da Fraga” por Nuria Naya Riveiro.
O evento de entrega de premios no Centro Cívico Cultural de Arteixo comezou perto das 20:30 e contou coa presentación do polifacético artista Xurxo Souto, quen non deixou de amenizar o acto coas súas dotes de contador de historias e de cantante sempre extasiado pola cultura popular. Tamén tiveron presenza os discursos dos coordinadores ou directores literarios do Certame do presente e do pasado: Henrique Rabuñal Corgo, quen falou dos inicios e da consolidación do Premio; Julio Mancebo Moreiras, quen mandou un texto lido por Xurxo Souto sobre os avances na súa etapa de coordinador; e Alfredo Ferreiro Salgueiro, quen recoñeceu o traballo dos seus predecesores, do Servizo de Cultura, do xurado de 2021, paritario na súa composición nos últimos anos e que conta coa colaboración permanente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega e coa Asociación Galega da Crítica. Tampouco se deixou de agradecer a participación dos máis de 70 traballos recibidos no Certame, nin a presenza do público a un acto que estaba a ser gravado integramente.
Na parte central do evento, entregáronse os premios segundo o ditame que Souto leu da correspondente acta asinada por Alejandro Mene Pazos, Beatriz Maceda Abeleira, Inmaculada Otero Varela e Alfredo Ferreiro Salgueiro, na que figuraban os nomes dos premiados:
1º. María Aránzazu Portabales Santomé, polo relato Xanelas, presentado baixo o lema “Rosalía Pousada”, premiado con 4000 euros e a edición da obra.
2º. Gabriel Gómez Estévez, polo relato A caverna de Lara, presentado baixo o lema “Moura do Bosque”, premiado con 2000 euros e a edición da obra.
3º. Cecilia Fernández Santomé, polo relato As orfas daquel verán, presentado baixo o lema “Maggie Moon”, premiado con 1000 euros e a edición da obra.
Ademais dos premios, as persoas galardoadas recibiron unha peza escultórica de Dores Polo e Benito Freire, obra en miniatura e peza única que lembra outra maior dos mesmos autores situada no xardín da fachada do Centro Cívico Cultural, instalada en novembro pasado para inaugurar a conmemoración do Certame.
Deuse, por outra parte, unha sentida homenaxe sorpresa a José Manuel Piñeiro Balay, concelleiro de Cultura propulsor da creación deste certame no momento da súa creación, que consistiu na colocación dunha placa co seu nome nunha butaca do Auditorio e na entrega dunha peza conmemorativa, que agradeceu entre os aplausos de todos os presentes.
O evento contou coa intervención do Deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto Rodríguez, e foi oportunamente clausurado polo Alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo Martínez, quen tivo o decoro de citar todas a persoas que nos 30 anos precedentes tiñan posibilitado o Certame, independentemente da súa función ou ideoloxía. En todo momento unha pantalla estivo mostrando os nomes gañadores e os nomes dos xurados no fondo do escenario, para que non esquecésemos que o prestixio que o Certame de Narracións Breves Manuel Murguía foi erguido co traballo e o talento de moitas persoas, como acontece con todo que ten valor autenticamente humano en calquera tempo e lugar.”

Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez, faise coa terceira edición do Premio Selic

Desde Nós Diario:
“A concelleira de Acción Cultural do Concello de Compostela, Mercedes Rosón, fixo o anuncio da obra gañadora da terceira edición dos Premios Selic (Semana do Libro de Compostela), que recaeu en Baleiro, de Gabriel Gómez Estévez. Outras dúas pezas, O novelo, de Óscar Senra e Partida salvada, de Fernando Epelde, foron merecedoras de cadanseu accésit.
De Baleiro o xurado quixo destacar a súa orixinalidade, pois Gabriel Gómez propón un futuro distópico no que se debuxa un cambio na situación política da Galiza e tamén unha historia persoal. “A proposta supón unha novidade argumental”, explican, “no panorama da narrativa actual, na que a crítica e o tratamento irónico do cotián están moi presentes”.
No referido ás novelas galardoadas con accésit, O novelo e Partida salvada, o xurado destaca da primeira “o retrato da cidade de Compostela elaborado desde diferentes perspectivas e personaxes diversos mediante o xénero policial”.
Unha narración que o autor, Óscar Senra, explicou, en rolda de prensa, que non define como novela, senón como unha serie por capítulos.
“Unha obra que vén a completar o universo das outras que publiquei, moi centrada no presente, escrita no confinamento”, que define “como me sentía no momento”, conclúe.
En Partida salvada, peza de teatro de Fernando Epelde, o xurado valorou a combinación de historias xeracionais e historias persoais, ao tempo que achega unha reflexión sobre os usos da lingua.
Segundo Mercedes Rosón, a esta edición dos premios presentáronse 34 obras: 18 de poesía, nove de narrativa, seis de teatro e unha de ensaio, incorporada este ano á convocatoria. Ademais a contía dos galardóns incrementouse, sendo de 6.000 euros para a obra gañadora e de 1.500 para cada accésit.”

Feira do Libro da Coruña 2019: actividades literarias destacadas do 3 e 4 de agosto

O 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 3
12:00 h. Presentación de Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal, publicado por Laiovento.
13:00 h. Presentación de A invención dun Deus. Xesús de Nazaret. II. A configuración do mito. De Mesías a Deus, de Xulio López Valcárcel, publicado por Laiovento.
13:00 h. Cándido e os demais. Contacontos e música con Sara Lebedynski e Álex Fente, por Kalandraka.
18:00 h. Presentación de Sulagar o soño, de Montserrat Villar González, publicado por Lastura. Participan, xunto á autora, Chus Pato e Lidia López.
19:00 h. María Solar asina na caseta da Libraría Pedreira.
19:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións.
19:30 h. Charo Baleirón asina Coñecendo a Antonio Fraguas. Roteiros literarios na caseta de Hércules de Edicións.
19:30 h. José Caruncho e Antonio López asinan A Cela. Vivir na aldea dos bolos, na caseta da Libraría Lume.
19:45 h. Presentación de Golpistas e verdugos de 1936, de Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho (eds.), publicado por Galaxia. Con Francisco Castro.
19:45 h. Presentación de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka. Con Lurdes López e María Jesús Fernández.
20:30 h. Montse Fajardo asina Invisibles. Relatos do maltrato, na caseta do Consorcio.
20:30 h. Presentación de Unha historia da música en Galicia (1952-2018), de Fernando Fernández Rego, publicado por Galaxia. Acompañando ao autor estará Francisco Castro.

Domingo 4
12:00 h. Manuel Miragaia presenta O sentido do infinito, publicado por Urutau.
12:00 h. Noela Lonxe asina Pan de bruxa na caseta da Librería Couceiro.
18:00 h. Gabriel G. Esteves asina Matrioskas, na caseta da Libraría Nobel da Coruña.
18:00 h. Presentación de Guía para non perderse en política, de Manuel Monge, publicado por Laiovento.
19:00 h. Crearte. Coñece a Rosalía de Castro, con María Torres.
19:00 h. María Canosa asina na caseta de Sueños de Papel.
19:00 h. Manuel Esteban asina na caseta da Libraría Pedreira.
19:30 h. Andrea Maceiras (Conta nove estrelas) e Érica Esmorís (Quen salva un can) asinan na caseta de Moito Conto.
19:30 h. Xabier Quiroga asina na caseta da Libraría Lume.
19:30 h. Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo asinan Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, publicado pola Fundación Galiza Sempre, na caseta do Consorcio.
19:30 h. José Luís Casteleiro Santos e Miguel García Seoane asinan Galicia inmaterial. Galicia máxica na caseta de Hércules de Edicións.
20:30 h. Presentación de 200 gramos de patacas tristes, de Juan Carlos Mestre, publicado por Espiral Maior. Participan Miguel Anxo Fernán-Vello, Héctor Silveiro e Yolanda Castaño.
20:30 h. Xosé Manuel Beiras asina Nuredin o taxista e Amedine o pintor. Crónicas e figuracións dun transmundo colonial, publicado por Laiovento, na caseta do Consorcio.
20:30 h. Arantza Portabales asina Beleza vermella, publicado por Galaxia, na caseta de Moito Conto.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 29 e 30 de xuño

O 30 de xuño continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 29
12:00 h. Isabel Villanueva asina O galego mola, na caseta da Libraría Don Papel.
13:00 h. Cantos de traballo das mulleres do mar, banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás, espectáculo musical de Xurxo Souto.
13:00 h. Raquel Castro estará asinando exemplares de A formiga fóra do carreiro, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Pedreira.
17:30 h. Presentación de Sementes viaxeiras, de Yolanda Castaño e Xosé Tomás, publicado por Embora.
18:00 h. Marcos Viturro Gómez asina Patadas na boca, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
18:15 h. Presentación de Pelo de nube, de Dani Viéitez e Iria Iglesias, publicado por Embora.

Domingo 30
18:00 h. Gabriel G. Esteves asina Matrioskas na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
18:00 h. Concerto de presentación de Canta, miña pedra, canta, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia.
19:00 h. Héctor Cajaraville asina na caseta da Libraría Pedreira.