O sector editorial aguanta posicións ante a pandemia: “hai oportunidades para saír reforzados desta crise”

Artigo de Iago Codesido en Galicia Confidencial:
“(…) Aínda cos palitativos impulsados polo Goberno, o 2020 quedará como un ano negro para boa parte do tecido produtivo galego, e, en particular, para aqueles sectores directamente golpeados polas restricións sanitarias: hostalaría, turismo, etc. Neste aspecto, o caso das editoriais eríxese como un exemplo atípico, porque o dano foi de segunda man. As principais editoras de Galicia recoñecen ter pasado -se ben con certos matices- un ano malo, e orixe hai que buscala, din, no peche imposto ás librarías.
O papel das librarías é, de feito, o único factor constante no caos que supuxo o 2020 para o sector. Co aninovo aínda no retrovisor, as conclusións das principais editoriais galegas resultan borrosas: sobe o interese polo libro á vez que baixa a facturación, a compra online gaña forza, pero tamén a adquisición de proximidade… neste barullo, as editoras só se poñen de acordo no fracaso da campaña de primavera, que coincidiu cos meses do confinamento.
“Foi un parón de 3 meses”, resume Henrique Alvarellos, cabeza da editorial homónima e presidente da Asociación Galega de Editoras. Alvarellos, como a maioría do sector, decidiu aprazar as publicacións previstas para a primavera ante a evidencia de que, co peche das librarías –e os colexios–, non ían ter saída. O mesmo fixeron en Galaxia e Xerais para “non condenar á irrelevancia” a eses títulos, en palabras de Fran Alonso, director da última.
A seca que asfixiu o sector nos meses de reclusión chegaría á súa fin co verán. O desconfinamento de xullo abriu de novo as portas das librarías, e o curso de novidades literarias volveu fluír; iso si, cun caudal máis ben baixo. As presentacións, principal motor para moitos destes títulos novidosos, quedaron reducidas a actos moi puntuais. “Coas limitacións non pode haber máis de 5 ou 10 persoas, co cal é un esforzo e un risco que non paga a pena”, valora Alonso.
Aínda coas librarías a medio gas, a repunta da segunda metade do ano serviu para salvar os mobles. Dende a AGE cuantifican a baixada da facturación nun “15 ou 20%” con respecto ao anterior. As cifras son malas pero dan pé a unha sensación de alivio. “Antes do verán pensabamos que ía ser moitísimo máis grave”, explica Alvarellos. As restricións da corentena perfílanse así como o grande golpe ao sector editorial, circunstancia coa que se amosa moi crítico Afonso Ribas, director de Laiovento. “Non había razón para pechar as librarías cando os quioscos, nos que tamén vendían libros, seguían abertos”, subliña.
Non todas as editoriais galegas viviron esta épica en dous actos perfilada pola cesura do desconfinamento. As casas cun grao de especialización maior transitaron os seus propios camiños, máis proveitosos. En Hugin e Munin, selo dedicado exclusivamente a traducir obras da alta literatura estranxeira, non ocultan que 2020 foi un ano incluso bo. “Tamén tivemos esa paraxe forzada no trimestre do confinamento, pero, ao final, rematamos cunhas vendas superiores ao 2019”, explica o seu fundador Alejandro Tobar.
Parello foi o caso de Através, única empresa de Galicia que edita cunha normativa reintegracionista. No prelo da AGAL vencellan os bos resultados do ano pasado ao recoñecemento recibido por Carvalho Calero –pai das teses lusistas– no Día das Letras Galegas. “Se comparamos con 2019, os meses que seguiron á pandemia foron moito mellor que outras veces”, explica Teresa Crisanta, codirectora.
Queda claro que non todo no ano editorial da pandemia foi malo. A crise, co seu caos inherente, trouxo tamén un abano de oportunidades, que emerxeron no desorde á espera de seren aproveitadas por alguén con visión empresarial. A maior parte destas potencialidades sitúanse no mercado online, proveitoso nivel de vendas pero como escenario para novas estratexias de promoción.
Neste último aspecto destacan as iniciativas impulsadas por Xerais ou a propia Através, que están a probar sorte con presentacións en streaming. O auténtico salto, porén, produciuse no eido da facturación, en moitos casos disparada nos meses do confinamento. Hugin e Munin, que viña de estrear web “o mesmo día que nos confinaron”, logrou elevar un 400% a súa facturación online, segundo datos do seu fundador.
O incremento, se ben quizais máis suavizado, foi unha constante no conxunto do sector, de acordo con Alvarellos. Con todo, explican, o salto cuantitativo experimentado nos meses de reclusión segue a ser insuficiente para compensar a caída da actividade presencial. “A venda online e electrónica de libro galego é case testemuñal, unha cousa moi residual”, explica Francisco Castro, director de Galaxia.
Aínda que o ano 2021 –polo menos ata a ansiada inmunidade de grupo– se prevé igualmente duro, sobre as editoras galegas cae unha raiola de esperanza que abre a porta a un futuro máis proveitoso. Á parte das posibilidades achegadas polo soporte online, o conxunto de editores consultados conveñen que a pandemia, cos seus tempos mortos, obrigou a enfrontar unha reflexión colectiva da que, sinalan, a lectura sae reforzada.
“Teño a impresión de que a cultura foi unha balsa estupenda para un momento así”, reflexiona Alejandro Tobar a respecto dos días máis duros do confinamento. No sector editorial ven este “retorno ao libro”, en palabras de Alvarellos, como un dos factores que permitiron recuperar parte das cifras perdidas nos meses do verán. “Penso que o sector editorial foi o menos danado dentro do sector cultural”, destaca ao fío Afonso Ribas.
O obxectivo dos editores galegos, pois, pasar por facer desta faísca unha fogueira para non ceder o terreo conquistado nos longos e vertixinosos meses da covid. Máxime ás portas dun 2021 que se presenta como unha travesía polo deserto capaz de poñer a proba os proxectos máis sólidos. Alvarellos, presidente da AGE, pono en claro cun chamamento a todo sector: “temos que ser capaz de consolidar todo o gañado na pandemia”.”