Entrevista de Xoán Costa a Marga do Val en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Cousas nace moi ligada á prensa …
– Marga do Val (MV): As narracións breves e as súas correspondentes ilustracións, unha non vai sen a outra, que configuran o libro de Cousas, chegaron ao público a través da prensa, foron publicadas en xornais como A Nosa Terra, Galicia ou El Pueblo Gallego e en revistas como Nós e Céltiga. A prensa tiña e ten un labor fundamental en achegar arte, neste caso literatura e ilustración ao público en xeral, que a arte entre nas casas, nos lugares de reunión e que sexa materia de conversa. Contribúe a prensa a normalizar unha lingua e a visibilizar a literatura.
– ND: … e agora fai parte dun coleccionábel sobre libros galegos do único xornal en galego que existe na Galiza…
– MV: Considero unha feliz idea que Nós Diario, dalgunha maneira, recolla ese testemuño.
– ND: Que é, que son, as Cousas?
– MV: É un libro singular na literatura galega, excepcional. O seu propio autor compila eses textos que foi publicando na prensa, cos que crea un xénero literario propio dentro da narrativa, que se caracteriza pola simbiose entre a narracióm e a ilustración, pola brevidade e pola linguaxe clara, que foxe da artificialidade formal. O ilustrador e o escritor que conviven en Castelao, traballan xuntos: pinta con palabras o que a imaxe conta. Son breves relatos e todos, todos emocionantes.
– ND: Que supón Cousas no sistema literario galego?
– MV: Cousas significa un paso adiante na narrativa galega, nese proceso de renovación que iniciaron os autores de Nós. Cousas é un pano que nos mostra a sociedade galega de inicios do século XX, ese mundo de cambios sociais coa desaparición da fidalguía e onde as clases populares son fundamentalmente as protagonistas. Esa voz, pensamento, esa forma de entender o mundo e actuar das personaxes é a cerna da obra. Cousas mostra a dignidade do pobo galego, neste sentido, como en Cantares gallegos de Rosalía de Castro, é a voz dese pobo a cerna da obra.
– ND: Como convencería alguén para ler, ou reler, as Cousas?
– MV: Sen dúbida a beleza das historias, a emoción que se transmite en cada “Cousa”, desde o lirismo da nena á que chaman a Marquesiña, desde a memoria do pobo que vai gardando a Siña Sinforosa até os anceios e as arelas de ser nais de dona Micaela ou de dona Florinda. Sen dúbida a actualidade da mensaxe que podemos atopar na “cousa” que fala do pai de Migueliño, hai moitos Migueliños e moitos pais coma ese nestes tempos; tamén hai moitos Panchitos que chegan a este país e constrúen aquí a súa identidade, a de ser galegos… Cousas tan actuais que nos lembran que na paisaxe sempre hai algo máis. Cousas é un libro co que está ben crecer, como con Cantares Gallegos ou Follas novas, unha obra en que cada lectura é unha nova lectura, unha nova descuberta. Unha obra que, insisto, emociona. Escrita tamén para que as persoas aprendan a emocionarse.”