O discurso na descuberta do monólito conmemorativo pode ser descargado aquí, ou ben ser lido a continuación:
“Bo día a todas, a todos.
Sra. Alcaldesa e demais membros da Corporación Municipal. Representantes da Real Academia Galega, da Deputación da Coruña, do Consello da Cultura Galega, de Gálix e outras autoridades presentes.
D. Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, e outros compoñentes da directiva.
Pilar Sampedro, autora da laudatio.
Familia, veciñanza e amizades chegadas desde diferentes puntos da xeografía. O meu máis sincero agradecemento por estardes hoxe aquí acompañándome neste acontecemento.
No discurso que escribín e que lerei dentro duns minutos no Salón de Actos da Casa de Cultura, respondendo a Pilar Sampedro, agradézovos polo miúdo máis cousas. Estades convidados a escoitalo. Gustaríame que tamén alí estivésedes presentes.
Dígovos que hoxe son unha persoa feliz.
A palabra “felicidade” é un substantivo abstracto que ten xénero feminino, polo que está en perfecta sintonía comigo.
Se a procuramos nun dicionario aparece con este significado: “Estado de alegría e benestar moi grandes” ou “estado de ánimo de plena satisfacción”, que vexo sinónimos.
Así estou eu hoxe, posuidora da felicidade.
Sei que a felicidade eterna non existe en vida, pero si existen “momentos felices”, coma illas refuxio nun océano axitado. Coma oasis nos desertos. Momentos felices coma este. Hoxe non pararía de repartir e de recibir bicos e apertas, pero este perigoso virus tennos atados e reprimidos. Unha mágoa!
Elixín como árbore para plantar no xardín desta praza, un pradairo/acer, aínda que o coñezamos máis polo seu nome castelán de “arce”.
Inclineime polo pradairo porque, a pesar de non dar froito nin flores vistosas, é unha árbore fermosa que consegue que reparemos nela, que loemos a súa beleza.
Sérvese tan só das súas follas, que van cambiando de tonalidade ao longo das estacións do ano. Coma quen saca o mellor de si mesmo, explotando asisadamente o seu potencial.
Ao pradairo ata lle podiamos aplicar calidades humanas: é versátil, discreta, de dimensión moderada…
Unha persoa moi querida no mundo da cultura, cando soubo desta homenaxe, deume os parabéns e díxome algo moi fermoso. Díxome: «Por que todas e todos, desde os principios da túa andaina literaria, sabiamos que ti, Concha, eras de Cee?»
Como eu descoñecía a resposta, continuou: «Porque levabas ese nome, o nome da túa vila, tatuado na fronte.»
Pois agora tamén o levo tatuado no corazón.
Non podemos negar que a praza… a praza … (deixádeme que o diga publicamente e en alta voz, por 1ª vez) a Praza Concha Blanco quedou preciosa! Os meus parabéns a Gumersindo, pola realización deste monólito.
Que gozada escoitar a este grupo da Banda de Música de Cee, co seu bo facer e dirixida ademais por outro veciño de Lires, o incrible Fernando Fraga. Ademais son capaces de facernos sentir alegría e vida social da que nos últimos tempos tan necesitados estamos.
Eles vannos acompañar ata a Casa de Cultura co seu pasarrúas. Moitas grazas!
Concha Blanco
Praza Concha Blanco
Cee, 12 de xuño de 2021“