A Residencia Literaria 1863 acolle un proxecto de tradución da poesía galega moza para o finés

Ao longo de todo este mes de xullo, a Residencia Literaria 1863 ten a sorte de acoller a escritora, tradutora e cantante lírica finlandesa Rita Dahl, quen xa participara no Obradoiro de Tradución Poética da illa de San Simón en 2017.
Para honra da nosa literatura, o proxecto no que esta autora se encontra embarcada consiste nunha antoloxía da poesía galega máis moza en tradución ao finés. Por iso, durante estas semanas, a ocasión de traballar sobre o propio terreo fornécelle da oportunidade de se ir encontrando cos/as poetas antologados, a fin de achegar posturas, desvelar cuestións e resolver dúbidas, coa proximidade do encontro cara a cara.
Trátase de autores/as da calidade literaria de Gonzalo Hermo, Ismael Ramos, Míriam Ferradáns, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón, Lorena Souto, Charo Lopes, Lara Dopazo, Samuel Solleiro, Jesús Castro Yáñez, Celia Parra, Francisco Cortegoso e Belén Senín.
Institucións públicas de fomento da cultura finesa como Taiteen edistämiskeskus – Taike, a Unión de Escritores/as de Finlandia (Suomen Kirjailijaliitto) ou a Unión de Tradutores/as e Intérpretes (Suomen kääntäjien ja tulkkien liitto – Finlands översättar- och tolkförbund) apoian a Rita Dahl neste enriquecedor proxecto durante a súa estadía na rúa Rego de Auga da Coruña.
Tamén xornalista e docente, Master en Ciencias Políticas, en Xornalismo e en Literatura Comparada, Dahl ten publicados 21 libros de ficción e non ficción: poesía, relato curto, viaxes, ensaios sobre política e poética, etc.
Así mesmo, encóntrase a piques de ver unha antoloxía da súa propia poesía publicada no Brasil pola editorial Bestiário, así como, en Finlandia, o seu primeiro CD de arias italianas interpretadas xunto á pianista Anu Kosonen.
Como tradutora deu ao prelo en Finlandia 5 libros, entre eles a primeira antoloxía da poesía portuguesa contemporánea, Maailman syrjällä. Para alén da preparación da mencionada antoloxía, Rita planea gravar dous podcasts con algúns dos nomes incluídos, ao tempo que tamén traduce a poesía de Hilda Hirst.”