María Canosa: “Quería demostrar que pola densidade auga e aceite non se mesturan”

Entrevista a María Canosa en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): En H2…Oh!!! Pingas científicas presenta curiosidades científicas para os máis pequenos, como xurdiu esta obra?
– María Canosa (MC): Francisco Castro díxome que quería un libro de ciencia divertida e que non era a única que pensa que hai que escribir ese tipo de cousas. Facía moito tempo que tiña curiosidades científicas que me parecía que era fermoso contar. Eu que sempre escribín ficción, sentíame responsable, xa como unha escritora con certa traxectoria, de facer libros de divulgación de distintas materias, porque creo que fan moita falta tamén en galego.
– EP: Que nos vamos atopar no libro?
– MC: Son 30 temas diferentes, cada un dos capítulos trata unha curiosidade da ciencia, de materias como a bioloxía, as matemáticas ou a física. Non hai que ler todo o libro seguido, son como pequenas anécdotas da ciencia contadas como un conto, de maneira sinxela e comprensible. Tento que sexa dunha maneira agradable e divertida. (…)
– EP: Licenciada en Enxeñería de Camiños, Canles e Portos, por que decidiu estudar esa carreira?
– MC: A medida que crecemos perdemos a vergoña de preguntar o porqué das cousas. Eu era unha rapaza moi curiosa, interesábame todo, non distinguía entre materias, interesábame coñecer o mundo. Os plans educativos non están deseñados para que un poida formarse en materias diferentes, obrígannos a decidir entre as ciencias e as letras. Parecíame que a mellor maneira de levar as dúas cousas da man era estudar ciencias e seguir facendo cousas de letras pola miña banda.
– EP: A maioría das súas obras son infantís, por que se centra en escribir para ese público?
– MC: Cando estudei a carreira adicáballe moitas horas a estudar e non tiña tanto tempo para escribir, e pensei en facer unha cousa máis. Parecéume un desafío, e a min gústame que me poñan retos. É un público moi agradecido e moi crítico, fanme aprender e soñar, déixanme mesturar a fantasía coa realidade e sorprenderme. Eu fun moi feliz lendo de pequena e sentía que tiña que devolverlle á literatura eso que tanto me deu a min. (…)
– EP: Como comezou a escribir?
– MC: Tiven unha axuda extra no sentido de non terlle medo porque a miña nai, Concha Blanco, é escritora. Para min ver que se inventaban contos na casa ou poemas parecíame algo normal, igual que se facía unha tortilla para cear, pois ás veces miña nai poñíase a escribir e de aí saía un libro.
– EP: Sempre tivo claro que quería comunicarse en lingua galega?
– MC: É a miña lingua nai, a que máis domino e a que máis quero. Eu educo ás miñas fillas en galego, é algo natural. Cando unha vai medrando vaise dando conta da riqueza que temos os que temos a sorte de gozar dunha lingua propia. A miña intención é dignificar o galego,que todos teñamos claro que é unha lingua válida en todos os sentidos.”