Texto de Ramón Nicolás na presentación de Nomes, de X. C. Domínguez Alberte

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“O pasado sábado día 4 de setembro, no campo do Roucón (Escudeiros) presentei o volume Nomes, de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Deixo aquí a miña intervención.

Bo serán. Grazas a todas as persoas que aquí estades convocados pola palabra, por un novo libro do noso veciño e amigo Xoán Carlos. Non pode haber, probablemente, mellor sitio para presentalo ca este porque, como é un lugar común, todo -ou case todo- o que escribe Xoán Carlos, está inspirado neste lugar, transloce esta realidade singular que ben coñecemos e, ademais, non me cabe dúbida ningunha de que o libro, malia estar dirixido ou pensado talvez como versos para infancia, está escrito para todos nós, teñamos a idade que teñamos. Quero, daquela, agradecer a vosa presenza e mais tamén facer fincapé na miña especial satisfacción e responsabilidade por ocupar este sitio para dicir unhas palabras limiares nesta presentación.
Nomes, este é o título do que libro que aquí nos xunta, editado por Galaxia cun fermoso e suxestivo corpus de ilustracións a cargo de Ana G. Buhigas. Dixen nunha ocasión, e reitéroo agora, que Xoán Carlos é unha persoa xenerosa, especialmente atenta a cultivar o espírito solidario, a ollar cos ollos ben abertos aquilo que ocorre ao seu arredor, a esculcar nas causas do que acontece, a defender naquilo no que cre e, ao tempo, é quen de transformar en discurso poético, isto é, decodifica en palabras, aquilo no que pon a súa ollada. En Nomes, malia que, en aparencia, estea incluído nunha serie de poesía para primeiros e primeiras lectoras, expón unha lectura na que hai un palmario desexo de reivindicación que establece desde a instancia dos “nomes”. Os nomes, como se sabe, identifícannos, fannos recoñecibles, outórgannos un sentido e un sentimento de colectividade e de identidade. Na liña dos seus precedentes Versos para conversar e Soneto no alfabeto, Xoán Carlos, nesta ocasión, obríganos a mirar a nosa realidade e a nosa contorna depositando especial atención nos topónimos, isto é, aos nomes de lugar. E non a unha toponimia calquera, senón á nosa, á que nos resulta familiar e próxima -como metáfora, sen dúbida, da toponimia galega en xeral-. A toponimia que recrea Xoán Carlos aquí ten un valor esencial: permite que nos sintamos afectivamente unidos, recoñecidos mesmo, na eufonía, nos sons que emitimos cando pronunciamos e, así, revivimos xa non só o lugar de cada topónimo senón a propia historia que atesoura. Tamén nos fai pensar este libro, por extensión, na deturpación que ás veces que se fai deles e nese esquecemento que deles se fai, probablemente non aquí, pero si noutros lugares onde a microtoponimia é a solución acaída e xusta para espazos que son transformados polas esixencias dos novos tempos, pero iso xa é fariña doutro saco.
Os que ensinamos, como podemos, literatura, transmitimos aos discentes un concepto que é o dos paratextos, isto é, todos aqueles elementos que, antes da lectura, posibilitan -se os ollamos con atención- dispormos de pistas para interpretar o que vén despois. No meu caso atendo tamén aos detalles das ilustracións, se as hai, e aquí hainas. Velaí, na cuberta, nesta interpretación acaída de Ana Buhigas, unha nena ou neno -tanto ten- acompañada dunha moza, unha fada de guedellas louras, que entendemos doadamente como unha fada polo peite que terma da man e que dirixe a nosa lectura á Peneda da Moura talvez; o neno ou nena que a acompaña ten un lapis, co que pinta palabras e deixa voar a imaxinación. O libro ten moito diso: atrapar as palabras e atender, tamén, ao marabilloso que nos rodea. Aínda hai máis nese paratexto: velaí topónimos cargados de significado para os que aquí estamos inseridos nunha segunda ilustración –O Ollo de Cabra, A Lavandeira, Arnoia, Figueiras– que son os camiños –algúns– dunha encrucillada cuxas direccións se nos convida a percorrer. Aínda hai máis: velaí a dedicatoria a Minia e Celtia, fillas do autor, probablemente nas que pensa Xoán Carlos ao escribir e aquelas que son as primeiras que escoitan os poemas porque, paréceme, son estes escritos especialmente para elas e a elas déixalle escrito: “tantas voces / tantas veces / en cada ollar / de herba e terra”. Aínda, previo ao seu primeiro poema, Xoán Carlos deixa escrito, abaixo, unha fermosa cita poética de Rosalía “unha herbiña que distraia a mirada” e que tan fransciscana e significativa tamén ao apuntar esa paisaxe natural que obxectiva coas súas palabras. É a unión coa tradición poética galega que tamén incorpora referencias e dialoga con Novoneyra, Manuel María, Cunqueiro ou Fole.
De todo isto, de reivindicación, de paisaxe, da forza que agochan os noso nomes hai, e ás mancheas, neste libro que hoxe aquí se presenta. O autor, como bo filólogo, como coñecedor asemade dos recursos que a propia lingua ofrece, articula xogos de palabras, sinestesias, xoga co fonosimbolismo que é xa un trazo caracterizador da súa obra. Cunha lingua rica e vizosa reconstrúe un mapa, que é o noso; realiza unha cartografía a través dos nomes que van da Cabrancada a A Abilleira, do Arnoia ao Abalaire, da Peneda da Moura á Corga de Filgueiró, da Levada á Auseira e descifra, en silencio e só con nomealos, os segredos e a historia que agochan eses lugares. Libro riquísimo tamén en referencias do mundo da fauna e da flora, que revela e pon en valor todo o que de telúrico hai neste territorio do que os topónimos encerran a súa memoria, mais tamén de vivido e sentido nos lugares que pisamos e andamos.
Convídovos, finalmente, a que vos fagades con este Nomes e a que disfrutedes coa súa lectura: un libro do noso veciño que, non teño dúbidas, tamén o escribiu para nós.”