Texto de Ramón Nicolás na presentación de Nomes, de X. C. Domínguez Alberte

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“O pasado sábado día 4 de setembro, no campo do Roucón (Escudeiros) presentei o volume Nomes, de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Deixo aquí a miña intervención.

Bo serán. Grazas a todas as persoas que aquí estades convocados pola palabra, por un novo libro do noso veciño e amigo Xoán Carlos. Non pode haber, probablemente, mellor sitio para presentalo ca este porque, como é un lugar común, todo -ou case todo- o que escribe Xoán Carlos, está inspirado neste lugar, transloce esta realidade singular que ben coñecemos e, ademais, non me cabe dúbida ningunha de que o libro, malia estar dirixido ou pensado talvez como versos para infancia, está escrito para todos nós, teñamos a idade que teñamos. Quero, daquela, agradecer a vosa presenza e mais tamén facer fincapé na miña especial satisfacción e responsabilidade por ocupar este sitio para dicir unhas palabras limiares nesta presentación.
Nomes, este é o título do que libro que aquí nos xunta, editado por Galaxia cun fermoso e suxestivo corpus de ilustracións a cargo de Ana G. Buhigas. Dixen nunha ocasión, e reitéroo agora, que Xoán Carlos é unha persoa xenerosa, especialmente atenta a cultivar o espírito solidario, a ollar cos ollos ben abertos aquilo que ocorre ao seu arredor, a esculcar nas causas do que acontece, a defender naquilo no que cre e, ao tempo, é quen de transformar en discurso poético, isto é, decodifica en palabras, aquilo no que pon a súa ollada. En Nomes, malia que, en aparencia, estea incluído nunha serie de poesía para primeiros e primeiras lectoras, expón unha lectura na que hai un palmario desexo de reivindicación que establece desde a instancia dos “nomes”. Os nomes, como se sabe, identifícannos, fannos recoñecibles, outórgannos un sentido e un sentimento de colectividade e de identidade. Na liña dos seus precedentes Versos para conversar e Soneto no alfabeto, Xoán Carlos, nesta ocasión, obríganos a mirar a nosa realidade e a nosa contorna depositando especial atención nos topónimos, isto é, aos nomes de lugar. E non a unha toponimia calquera, senón á nosa, á que nos resulta familiar e próxima -como metáfora, sen dúbida, da toponimia galega en xeral-. A toponimia que recrea Xoán Carlos aquí ten un valor esencial: permite que nos sintamos afectivamente unidos, recoñecidos mesmo, na eufonía, nos sons que emitimos cando pronunciamos e, así, revivimos xa non só o lugar de cada topónimo senón a propia historia que atesoura. Tamén nos fai pensar este libro, por extensión, na deturpación que ás veces que se fai deles e nese esquecemento que deles se fai, probablemente non aquí, pero si noutros lugares onde a microtoponimia é a solución acaída e xusta para espazos que son transformados polas esixencias dos novos tempos, pero iso xa é fariña doutro saco.
Os que ensinamos, como podemos, literatura, transmitimos aos discentes un concepto que é o dos paratextos, isto é, todos aqueles elementos que, antes da lectura, posibilitan -se os ollamos con atención- dispormos de pistas para interpretar o que vén despois. No meu caso atendo tamén aos detalles das ilustracións, se as hai, e aquí hainas. Velaí, na cuberta, nesta interpretación acaída de Ana Buhigas, unha nena ou neno -tanto ten- acompañada dunha moza, unha fada de guedellas louras, que entendemos doadamente como unha fada polo peite que terma da man e que dirixe a nosa lectura á Peneda da Moura talvez; o neno ou nena que a acompaña ten un lapis, co que pinta palabras e deixa voar a imaxinación. O libro ten moito diso: atrapar as palabras e atender, tamén, ao marabilloso que nos rodea. Aínda hai máis nese paratexto: velaí topónimos cargados de significado para os que aquí estamos inseridos nunha segunda ilustración –O Ollo de Cabra, A Lavandeira, Arnoia, Figueiras– que son os camiños –algúns– dunha encrucillada cuxas direccións se nos convida a percorrer. Aínda hai máis: velaí a dedicatoria a Minia e Celtia, fillas do autor, probablemente nas que pensa Xoán Carlos ao escribir e aquelas que son as primeiras que escoitan os poemas porque, paréceme, son estes escritos especialmente para elas e a elas déixalle escrito: “tantas voces / tantas veces / en cada ollar / de herba e terra”. Aínda, previo ao seu primeiro poema, Xoán Carlos deixa escrito, abaixo, unha fermosa cita poética de Rosalía “unha herbiña que distraia a mirada” e que tan fransciscana e significativa tamén ao apuntar esa paisaxe natural que obxectiva coas súas palabras. É a unión coa tradición poética galega que tamén incorpora referencias e dialoga con Novoneyra, Manuel María, Cunqueiro ou Fole.
De todo isto, de reivindicación, de paisaxe, da forza que agochan os noso nomes hai, e ás mancheas, neste libro que hoxe aquí se presenta. O autor, como bo filólogo, como coñecedor asemade dos recursos que a propia lingua ofrece, articula xogos de palabras, sinestesias, xoga co fonosimbolismo que é xa un trazo caracterizador da súa obra. Cunha lingua rica e vizosa reconstrúe un mapa, que é o noso; realiza unha cartografía a través dos nomes que van da Cabrancada a A Abilleira, do Arnoia ao Abalaire, da Peneda da Moura á Corga de Filgueiró, da Levada á Auseira e descifra, en silencio e só con nomealos, os segredos e a historia que agochan eses lugares. Libro riquísimo tamén en referencias do mundo da fauna e da flora, que revela e pon en valor todo o que de telúrico hai neste territorio do que os topónimos encerran a súa memoria, mais tamén de vivido e sentido nos lugares que pisamos e andamos.
Convídovos, finalmente, a que vos fagades con este Nomes e a que disfrutedes coa súa lectura: un libro do noso veciño que, non teño dúbidas, tamén o escribiu para nós.”

Xoán C. Domínguez Alberte: “No libro hai unha proposta de reivindicación, para dar a coñecer a nosa vida, os nosos nomes”

Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace este poemario [Nomes] e a súa conxunción entre poesía, nomes e natureza?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): No seu día, no primeiro libro que publiquei en Galaxia, Versos para conversar, por razóns editoriais quedaron fóra unha serie de poemas; logo saíu Soneto no alfabeto, outra dimensión da concepción poética e, entrementres, eses poemas que ficaran aí tamén reclamaron a súa propia vida, e mais compaña. Estas composicións constitúen a primeira parte, “Lugares”, deste novo libro, Nomes, e incorporáronse máis poesías para complementar a obra que se foi facendo con vagar ao longo do tempo.
No volume hai unha proposta de reivindicación, de dar a coñecer a nosa vida, as nosas palabras e os nosos nomes, os nosos topónimos, ese pequeno e gran patrimonio. O primeiro poema di “son dun país pequeno cheo de nomes grandes // son dun país grande cheo de nomes pequenos”. Estamos inzados de riqueza toponímica e reivindícase a súa prestancia, o seu uso e a súa habilitación, porque moitos deses nomes son de raíz rural, agrogandeira, e agora están cubertos de esquecemento porque, entre outras razóns, debido a malas políticas non temos o noso sector produtivo desenvolvido, e o poemario é tamén unha forma de denuncialo.
– ND: Entón a presenza da natureza non é só por tratar a toponimia senón tamén como reivindicación.
– XCDA: Enxergo os contidos do libro desde unha perspectiva lúdica, creativa e pensando na xente máis nova, para que coñezan os nomes e xoguen con eles e neles, pero detrás diso tamén hai unha mensaxe máis profunda, que é esa reivindicación dun país vivo, produtivo e dono dos seus recursos.
– ND: Como docente, a intención didáctica abrangue tamén os seus libros ou fica fóra?
– XCDA: Procuro que o meu alumnado se achegue á literatura galega e en galego e fomento a lectura na nosa lingua, para que a rapazada adquira principios e valores universais, sexa no ámbito que sexa. Todos os cursos, sobre todo en niveis medios e altos, propoño unha lectura de narrativa que teña como fondo unha historia arredor do que foi a represión franquista e o golpe de Estado, a través diso estaslles a dar a coñecer unhas realidades que para eles están sempre ocultas, e neses universos creativos agroma a liberdade. Así tamén detrás da poesía hai outras leccións. A finalidade pedagóxica supoño que está sempre na literatura. (…)”

“O soneto como “disciplina e gozo””

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Catorce versos compoñen unha das máis universais formas clásicas do poema, o soneto. A ela entregouse Xoán Carlos Domínguez Alberte (Ramirás, 1966) no seu último proxecto, o libro Soneto no alfabeto (Galaxia). “Foi un exercicio de disciplina e gozo”, explica sobre unha obra enfocada a lectoras e lectores mozos.
“Formuleino como un reto, adaptarme a moldes clásicos. E dentro deles, decidinme polo soneto, a forma máis universal”, di. Antecedidos por un texto cuxo título homenaxea a Manuel Antonio –Intencións-, os poemas amosan intencións lúdicas, unha apoloxía do lecer literario. “Engadín aneis de complexidade e certo sacrificio gozoso”, insiste.
Os 22 sonetos comparecen baixo cada unha das letras do alfabeto galego. E a primeira palabra de cada un deles comeza por unha desas letras. “Zoa a uz na campaza / e acende luz na cabeza / en forza de natureza / que en mozo ou moza naza”, escribe no derradeiro. “Soneto no alfabeto fala, sobre todo, da poesía non como algo requintado e sublime, senón cotián”, engade, “porque está presente, como xogo e iluminación, en calquera ámbito da vida”.
O traballo poético de Domínguez Alberte transitou maiormente polo verso libre. O desprazamento ao clasicismo tamén modificou os seus obxectivos. “Mais este non é un produto só para adolescentes”, expón, “aínda que responde a unha teima miña dos últimos tempos”. Que remite á “sobreoferta” da narrativa infantil e xuvenil. “Son un gran lector de narrativa, pero ás veces desviamos a nosa ollada e esquecemos a poesía. E esta ofrece moitas posibilidades para a rapazada”.
“É o primeiro libro de sonetos da literatura xuvenil galega”, resume Domínguez Alberte, quen asegura que, en Galiza, “non hai tantos sonetistas”. De feito, mesmo se estraña de que haxa “grandísimos poetas” que nunca, ou apenas, o practicaron, como Cunqueiro ou Rosalía de Castro.
O poeta, prolífico, prepara xa un novo volume. Misterioso, indica que será “a dúas mans, cunha persoa moi coñecida” e que houbo editoriais que se interesaron por el. Pero non dá máis pistas.”