“A situación provocada pola pandemia de COVID-19 levou a atrasar o ditame dos Premios Xerais 2021 ao mes de decembro. Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 3 de decembro. Os premios coñeceranse o sábado 11 de decembro.
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 14 obras, está formado por: Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 26 obras, está formado por: Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.”