María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias, Premios Xerais 2022

Finalistas dos Premios Xerais 2022

Os Premios Xerais 2022 coñeceranse o 16 de xullo

Berta Dávila e Ledicia Costas, Premios Xerais 2021

“No Museo Meirande, Rande-Redondela, o sábado 11 de decembro de 2021, anunciouse o ditame da XXXVIIIª edición do Premio Xerais de Novela, a XIIIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXXVIª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, os tres premios dotados con 10.000 euros cada un.

O neno de lume de Ledicia Costas
Premio Merlín de Literatura Infantil 2021
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 26 obras e formado por Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Fóra a alma”, “O neno de lume” e “Protectora de espíritos”.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «O neno de lume», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Ledicia Costas e corresponde ao título O neno de lume.
O neno de lume en palabras do xurado:
O neno de lume conta a fascinante historia de Morgan, un neno peculiar que, cando era un bebé, apareceu dentro dunha cesta diante da casa da señora Culpepper xunto cunha enigmática nota que dicía: «Lévenme máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e díganlles que son O Neno de Lume». Sobre o seu ombro dereito sempre leva a Luminaria, unha pequena chama que só el pode ver e con quen pode falar.
Un día, a cidade aparece cuberta por unha mesta néboa con sabor a sopa que non levanta co paso dos días. Sen rastro do sol, Morgan sente como Luminaria se vai apagando. A señora Culpepper lembra a nota que traía Morgan na cesta, e o neno prepárase para iniciar unha viaxe máis alá da néboa. Cren que Luminaria só poderá sobrevivir se atopan a casa das tres irmás. O que non imaxinan é quen son en realidade esas mulleres.
O neno de lume sorprendeu ao xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil pola súa eficacia narrativa (que lembra á dos contos clásicos), pola orixinalidade dos personaxes e pola plasticidade dos escenarios. Salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia, a obra mestura a realidade e a fantasía desbordante para falar, sen caer no didactismo e cunha extraordinaria sensibilidade, da busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade. (…)
Ledicia Costas ao coñecer o ditame do xurado dixo:
Recibir o Premio Merlín faime viaxar sete anos atrás, cando Escarlatina, a cociñeira defunta, foi recoñecida con este mesmo galardón e a miña vida mudou dun día para outro. Coido que por iso este premio é tan especial para min. Por todo o que me trouxo.
«O neno de lume» é unha novela ao xeito dos contos clásicos. Unha historia de néboa, sopa e nenas e nenos singulares. Creo que isto é o que máis me emociona: que o xuri premie unha historia coma esta.

Un elefante na sala de estar de Berta Dávila
Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2021
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 14 obras e formado por Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Cráter”, “Elefante”, “Irracionais” e “Meirás”.
Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema «Elefante», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Berta Dávila e corresponde ao título Un elefante na sala de estar.
Un elefante na sala de estar en palabras do xurado:
Un grupo de persoas que se vén afectadas por un suicidio intenta buscar o motivo ao tempo que se culpan e procuran o xeito de aceptalo.
O xurado destacou a sensibilidade coa que se trata o tema a través dun estilo limpo e coidado e dunha lectura amable que engancha dende o primeiro momento.
A orixinalidade da novela radica na reconstrución da historia da protagonista a partir de diferentes puntos de vista. A autora recrea diferentes voces (entre elas, familiares, amizades, doutoras…) perfectamente conseguidas que lle dan á novela un ton polifónico.
Sen selo, a autora constrúe unha novela coral de lectura doada, cargada de sentimentos, contradicións e cun xiro final sorprendente.

Os seres queridos de Berta Dávila
Premio Xerais de Novela 2021
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros, ao que concorreron 44 obras e formado por María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “O negociador”, “Seres queridos” e “Tritón”.
Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema «Seres queridos», que, despois de aberta a plica, resultou ser de Berta Dávila e corresponde ao título Os seres queridos.
Os seres queridos en palabras do xurado:
«Unha nai recente é unha muller de loito por esoutra muller que deixa atrás». Desta rotunda afirmación dedúcese, sen dúbida, que a cerna da obra gañadora desta edición do Premio Xerais de Novela está conformada pola reflexión sobre a alienación, a fenda abisal que a sociedade crea negando a muller como persoa dende o momento en que se converte en nai.
A protagonista de Os seres queridos queda embarazada cinco anos despois de ter o seu primeiro fillo e toma a decisión de abortar. Neses momentos lembra o nacemento do neno como unha experiencia dolorosa debido á falta de adecuación da súa vivencia co relato dominante idealizado da maternidade. A crianza deriva en sensacións de culpa e arrepentimento, así como en dúbidas sobre os propios sentimentos cara ao fillo causadas fundamentalmente polo temor de ter que se defender do que os demais pensen sobre as súas decisións.
Estes recordos, xunto con abundantes reflexións sobre o proceso creativo literario como unha forma capaz de canalizar os seus pensamentos, entrelázanse cunha narración meticulosa dos acontecementos vitais que lle van ocorrendo e que van conformando a historia.
Cunha clara vocación de estilo e cunha prosa precisa, atraente e emotiva, a narradora protagonista configura un magnífico discurso autoficcional sobre os afectos e os vínculos entre persoas, sexan familiares ou non, e afonda no significado do amor maternal e nas arestas controvertidas da maternidade. (…)
Berta Dávila ao coñecer o veredicto dos xurados, dixo:
“Síntome agradecida e afortunada por recibir estes dous premios, porque significan moito para min e porque son o abrigo perfecto para dous libros singulares cos que convivín durante moito tempo de traballo intenso. Só podo darlle as grazas ao xurado do premio Xerais por escoller como obra gañadora Os seres queridos, un libro duro pero penso que tamén luminoso. E tamén ao xurado do Jules Verne: é realmente emocionante que a miña primeira novela para xente moza reciba este recoñecemento.”

Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.

Vigo, 11 de decembro de 2021″

Finalistas dos Premios Xerais 2021

“O venres 3 de decembro tivo lugar a primeira reunión dos xurados dos Premios Xerais 2021 para seleccionar as obras finalistas. O sábado 11 de decembro, a partir das 12:00 horas, farase público o veredicto dos Premios Xerais 2021. O acto de veredicto e entrega será emitido en streaming.
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros, ao que concorren 44 obras e formado por María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo  (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “O negociador”, “Seres queridos” e “Tritón”.
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros, ao que concorren 14 obras e formado por Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Cráter”, “Elefante”, “Irracionais” e “Meirás”.
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, ao que concorren 26 obras e formado por Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez  (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Fóra a alma”, “O neno de lume” e “Protectora de espíritos”.”

Os Premios Xerais 2021 coñeceranse o 11 de decembro, onde compiten un total de 84 obras

“A situación provocada pola pandemia de COVID-19 levou a atrasar o ditame dos Premios Xerais 2021 ao mes de decembro. Os libros gañadores dos tres premios chegarán ás librarías no mes de marzo de 2022.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 3 de decembro. Os premios coñeceranse o sábado 11 de decembro.
O xurado da XXXVIII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: María López Suárez (filóloga, correctora e tradutora), Iria Veiga Ramos (médica psiquiatra e divulgadora científica), Francisco Novo (xornalista da TVG), Irene Pin (xornalista e creadora audiovisual), Rosalía Grandal Montero (profesora de ensino secundario) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 14 obras, está formado por: Antía Paz Cabezas (xornalista), Violeta Meléndrez Doval (bookstagramer), Damián Alonso Lorenzo (formador artístico) María Rúa Rodríguez (creadora de contidos e estudante), Nee Barros Fernández (dramaturgue, poeta e estudante) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXVI edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 26 obras, está formado por: Bea Campos (actriz e contadora), Marta Fernández Carneiro (mestra e membro da asociación Espazo Lectura), Irene Pérez (estudante e bookstagramer), Iván R. (ilustrador), Daniel Portela (estudante de xornalismo e coordinador dun club de lectura xuvenil) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.”

Finalistas dos Premios Xerais 2020

“O venres 11 de decembro tivo lugar a primeira reunión dos xurados dos Premios Xerais 2020 para seleccionar as obras finalistas.
O xurado da XXXVII edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 54 obras, formado por: Noa Moreira (poeta), Carlos Coira (libreiro), Alberto Cifuentes (profesor), Sara Vila Alonso (xornalista), Iria Pedreira Sanjurjo (filóloga e tradutora) e Ramón Nicolás (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “As cerdeiras”, “Batemos na porta do mundo” e “Por min e por tódalas compañeiras”.
O xurado da XII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 24 obras, formado por: Pablo G. Freire (redactor na revista online de literatura xuvenil El Templo de las Mil Puertas), Selina Otero (xornalista en Faro de Vigo), Cristina Álvarez Pérez (profesora de Educación Secundaria e coordinadora do Comando Le de Espazo Lectura) María Xesús Nogueira (profesora na USC e crítica literaria), Brais Nogueira (xornalista) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Doppel”, “Santo Amaro” e “Xules”.
O xurado da XXXV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 43 obras, formado por: Marta Añón Montes (Mestra e autora de material educativo), Sonia García Vidal (Mestra, ilustradora e videógrafa), Víctor Pérez Estévez (coordinador do Club de lectura Lendo Contigo de Espazo Lectura), María José Pousa (Asesora técnica docente de bibliotecas escolares), Mario Regueira (escritor e crítico literario) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: “Fedora”, “Husu” e “O moucho está no Penedo”.”

Os Premios Xerais 2020 coñeceranse o 18 de decembro

Compostela: Simposio O libro educativo na era dixital

O libro educativo na era dixital é o lema do simposio sobre o libro e a lectura que organiza en novembro a Asociación Galega de Editoras e o Departamento de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago, en colaboración con CEDRO, Consello da Cultura e a Xunta de Galicia.
Terá lugar no Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, os días 21 e 22 de novembro. Este simposio reúne a diferentes expertos e promotores da edición de libro educativo coa finalidade de ofrecer formación sobre a actualidade ao sector e ao público en xeral. Trátase dun encontro profesional onde se conversará, debaterá e reflexionará sobre o libro educativo na era dixital, a transmisión do coñecemento no ensino e a convivencia do libro en papel e do libro dixital.

PROGRAMA

Xoves, 21 de novembro
Mañá
09:30 h. Entrega de documentación
09:45 h. Inauguración
10:00 h. Conferencia apertura: Antón Costa. Visión histórica da educación en Galicia
12:00 h. Pausa-café
12:30 h. Panel de experiencias: Editar libro educativo.
Belén López, Baía Edicións
Edicións do Tambre
María Xesús Gómez, Rodeira
14:00 h. Remate da xornada
Tarde
16:30 h. Mesa redonda: Proxectos educativos dixitais.
José Moyano, presidente de ANELE
Ana Guerra (Obradoiro) e Xosé M. Moo (Xerais)
Susana Trigo, profesora
18:30 h. Mesa redonda: As ferramentas da educación.
José Javier Pintor, asesor de formación do CFR A Coruña
Xesús Rodríguez, pedagogo
Olga Patiño Abeixón, AS-PG
19:30 h. Remate da xornada

Venres 22 de novembro
10:00 h. Mesa redonda: O futuro da educación
Fernando Lacaci, presidente Confederación de ANPAS galegas
Manuel Bragado, pedagogo e editor
Paula Fernández Seoane, editora e profesora
12:00 h. Pausa-café
12:30 h. Conferencia de peche: Gregorio Luri. Sen educación non hai lectura.
14:00 h. Remate da xornada

MÁIS INFORMACIÓN:
Asociación Galega de Editoras
s.tecnica@editorasgalegas.gal
tel. 881 81 72 64 – 609 83 15 11

[O evento será difundido en streaming a través da canle de Youtube e das redes sociais da AGE]
Organizan: Asociación Galega de Editoras e Concello de Santiago
Colaboran: CEDRO, Consello da Cultura e Xunta de Galicia
Deseño cartelería: Ana Seixas