Xosé Manuel Martínez Oca: “Un simple encontro pola rúa con alguén pode darme pé a escribir algo”

Entrevista de Antón Escuredo a Xosé Manuel Martínez Oca en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que representa para vostede ser escollido como o autor ao que se lle dedica a homenaxe de Escritor na súa Terra por parte da AELG?
– Xosé Manuel Martínez Oca (XMMO): Por un lado é unha nova moi agradábel e por outro tampouco lle dou unha importancia excesiva. Creo que é un medio polo que AELG trata de publicitar os nomes das autoras e dos autores que forman parte da asociación. Nese aspecto non me parece mal.
– ND: O evento procurará achegar a súa traxectoria ao seu lugar de nacemento. Que importancia tivo A Estrada na súa formación como persoa e como escritor?
– XMMO: Na Estrada vivín os primeiros dez anos da miña vida polo que significou un período moi importante no meu desenvolvemento futuro como persoa. No acto da AELG procurarei explicar como foron eses anos. Precisamente agora lembrei as amizades que tiña de neno na Estrada e que espero ver no acto deste sábado. Para min, como para todo o mundo, ese período foi de formación. Nada excepcional.
– ND: Na súa traxectoria vital tiveron, daquela, máis relevancia as outras poboacións polas que pasou ao longo da súa traxectoria profesional?
– XMMO: Si, tal vez o período que vivín na cidade de Ourense entre os 11 e os 20 anos tivo máis importancia na miña integración literaria. Despois, tamén é certo, que pasei por outras cidades como Ferrol, Cee, Madrid ou Bilbo.
– ND: Ten unha gran produción literaria e unha non menor presenza en publicacións especializadas e medios de comunicación. Como entende que debería ser a relación entre literatura e prensa?
– XMMO: Desde o meu punto de vista creo que os temas culturais, así como tamén os temas literarios, deberían ter máis espazo na prensa diaria e semanal. Aínda así creo que tampouco hai que abusar.
– ND: Que temas lle soe interesar máis tratar cando se pon a escribir unha novela?
– XMMO: Botando unha ollada estes días por riba aos libros que escribín, e recoñezo que dalgúns non me lembro, noto que en gran parte deles case a idea inicial para escribir a historia náceme nunha viaxe. Despois, moitas veces, o texto non ten moita relación coa viaxe que fixen… mais é algo moi curioso.
Se cadra, cando estou de viaxe libérome un pouco da monotonía da vida diaria e podo pensar noutras cousas. En relación á temática que máis emprego, varía en cada momento. Un simple encontro pola rúa con alguén e unha conversa pode darme pé a escribir algo. Pola contra, non é a primeira vez que me paran para contarme unha historia coa idea de que a aproveite para unha novela e non me inspira para nada. A verdade é que non teño unha regra fixa.
– ND: Na súa obra Tres en raia, que publicou Baía Edicións este ano, achégase de maneira directa á experiencia da amizade. Marcáronlle as amizades da súa propia vida?
– XMMO: Si, moitísimo. Esta novela realmente parte dun feito real. Un grande amigo meu, Xaime Enríquez, que morreu de cancro de pulmón, nos seus últimos meses de vida pediunos aos amigos máis próximos que buscásemos que fora dos seus outros amigos que se perderan. Despois, a peripecia que relato xa non ten nada que ver coa realidade.
Tiven amizades que me marcaron e as súas vidas servíronme para contar con temas para varias obras. Lembro, por exemplo, a novela Todo o peso do ceo (Edicións Luís Vives, 1997) onde conto practicamente a incríbel historia dun amigo de arriba a abaixo. Con esta obra non me custou, como si me aconteceu con outras, perder unha amizade.
– ND: Podería adiantar a Nós Diario se verá a luz algunha obra nova súa os vindeiros meses?
– XMMO: Na editorial que me acaba de publicar a novela, Baía Edicións, contan cunha colección de contos miña que semella que teñen intención de publicar, ao mellor, para o ano vindeiro, non o sei de certo.
Por outro lado, estou dándolle voltas a unha novela que xa rematei e deilla a ler a un amigo do que me fío, mais non a vexo con bos ollos polo que aínda lle estou a dar voltas para ver que fago con ela.”