A AELG manifesta o seu profundo pesar polo pasamento do escritor Salvador García-Bodaño, Socio de Honra deste colectivo desde 2004

Salvador García-Bodaño, poeta e narrador prezado por todas e todos nós pola capacidade creadora e a súa achega incansábel para dotarnos de institucións culturais, sociais e políticas, vén de finar hoxe,7 de marzo de 2023. Segundo informou a familia, a capela ardente estará instalada no Museo do Pobo Galego das 11:00 ás 19:00 horas do mércores, cuarta feira, 8 de marzo. Ás 19:00 horas desde día, en San Domingos de Bonaval, celebraranse as honras da despedida.

Nado en Teis (Vigo) en 1935, foi vogal do Consello Directivo da AELG nos anos da súa fundación, sendo nomeado en 2004 Socio de Honra deste colectivo. Foi elixido membro da Real Academia Galega en 1992.

A súa extensa obra, centrada nomeadamente na creación poética, recibiu numerosos premios ao longo da súa traxectoria.

Na páxina web da AELG poden verse as entrevistas e obra recitada polo autor na súa propia voz. das que salientamos esta entrevista de longa duración onde Salvador fixo un repaso demorado a toda a súa vida literaria.

Nas súas propias palabras, recollidas na autobiografía do autor na nosa web: “Fun sabendo quen era na medida en que vivía, ou, de poñérmonos transcendentes, funme coñecendo no propio vivir.”

(Esta foto pertence á Homenaxe O Escritor na súa Terra ao autor, por parte da AELG, en 2004).