O mundo do libro galego reúnese no acto do 40 aniversario da Asociación Galega de Editoras

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras celebrou o seu 40 aniversario nun acto que tivo lugar este 8 de xuño, ás 19h, no Hotel San Francisco de Compostela, e no que se deron cita representantes do sector do libro galego e das administracións e entidades. O acto arrancou coa proxección dun audiovisual elaborado pola produtora Illa Bufarda que presentaba a traxectoria da AGE ao longo destes 40 anos. O presidente da AGE, Henrique Alvarellos, fixo un percorrido histórico pola edición en Galicia, dende os precursores do século XIX ata a actualidade, deténdose en 1983, cando naceu o gremio, e comparou a situación hoxe coa das orixes da Asociación:
«Media ducia de editoras botaron a andar, en xuño de 1983, a primeira asociación profesional do noso país. Tiñan un dobre obxectivo: crear unha industria editorial galega e conquistar público lector. A industria creouse. Hoxe contamos cunha verdadeira industria editorial galega, somos 46 empresas asociadas e publicamos todo tipo de libros, xéneros ou formatos. Pero a edición galega segue a soportar unhas cifras de vendas moi baixas, menos do 10% do mercado do libro en Galicia».
Por outra banda, reclamou máis visibilidade para o libro galego:
«Non cansaremos de reclamar un gran plan lector para o libro galego, porque a lectura é, ben o sabemos, o motor do coñecemento. Con políticas públicas sedutoras, acertadas, útiles… Fáltannos fiestras, lugares amables onde eses libros galegos teñan visibilidade».
Na súa intervención lembrou a todas as persoas que presidiron esta Asociación, especialmente os que xa non están, Luís Mariño, Carlos Blanco e Alfonso García Sanmartín.
O acto contou cos representantes institucionais do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e da Xunta de Galicia, Valentín García, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o presidente da Asociación Nacional de Editores de Libro Educativo (Anele), José Moyano, o director da Federación de Gremios de Editores de España, Antonio Mª Ávila, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, o presidente da Asociación Galega da Crítica, Mario Regueira, entre outros, ademais de presidentes e presidentas desta Asociación dende 1983 e boa parte das editoras asociadas.
As persoas asistentes recibiron de agasallo a obra 100 anos de edición moderna en Galicia, publicada pola Asociación Galega de Editoras e na que colaboran nove especialistas, que afondan na peripecia editorial da nosa terra dende que, hai xusto un século, se puxeran en marcha se puxeran en marcha os considerados primeiros proxectos de edición moderna en Galicia: selos como Céltiga, Lar ou Nós, que tiñan como obxectivo ampliar o público lector en galego, e con este fin crearon, por vez primeira, coleccións editoriais, estratexias de mercado e campañas de publicidade.”