O mundo do libro galego reúnese no acto do 40 aniversario da Asociación Galega de Editoras

Desde a Asociación Galega de Editoras:
“A Asociación Galega de Editoras celebrou o seu 40 aniversario nun acto que tivo lugar este 8 de xuño, ás 19h, no Hotel San Francisco de Compostela, e no que se deron cita representantes do sector do libro galego e das administracións e entidades. O acto arrancou coa proxección dun audiovisual elaborado pola produtora Illa Bufarda que presentaba a traxectoria da AGE ao longo destes 40 anos. O presidente da AGE, Henrique Alvarellos, fixo un percorrido histórico pola edición en Galicia, dende os precursores do século XIX ata a actualidade, deténdose en 1983, cando naceu o gremio, e comparou a situación hoxe coa das orixes da Asociación:
«Media ducia de editoras botaron a andar, en xuño de 1983, a primeira asociación profesional do noso país. Tiñan un dobre obxectivo: crear unha industria editorial galega e conquistar público lector. A industria creouse. Hoxe contamos cunha verdadeira industria editorial galega, somos 46 empresas asociadas e publicamos todo tipo de libros, xéneros ou formatos. Pero a edición galega segue a soportar unhas cifras de vendas moi baixas, menos do 10% do mercado do libro en Galicia».
Por outra banda, reclamou máis visibilidade para o libro galego:
«Non cansaremos de reclamar un gran plan lector para o libro galego, porque a lectura é, ben o sabemos, o motor do coñecemento. Con políticas públicas sedutoras, acertadas, útiles… Fáltannos fiestras, lugares amables onde eses libros galegos teñan visibilidade».
Na súa intervención lembrou a todas as persoas que presidiron esta Asociación, especialmente os que xa non están, Luís Mariño, Carlos Blanco e Alfonso García Sanmartín.
O acto contou cos representantes institucionais do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; da Deputación da Coruña, Xurxo Couto; e da Xunta de Galicia, Valentín García, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o presidente da Asociación Nacional de Editores de Libro Educativo (Anele), José Moyano, o director da Federación de Gremios de Editores de España, Antonio Mª Ávila, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, o presidente da Asociación Galega da Crítica, Mario Regueira, entre outros, ademais de presidentes e presidentas desta Asociación dende 1983 e boa parte das editoras asociadas.
As persoas asistentes recibiron de agasallo a obra 100 anos de edición moderna en Galicia, publicada pola Asociación Galega de Editoras e na que colaboran nove especialistas, que afondan na peripecia editorial da nosa terra dende que, hai xusto un século, se puxeran en marcha se puxeran en marcha os considerados primeiros proxectos de edición moderna en Galicia: selos como Céltiga, Lar ou Nós, que tiñan como obxectivo ampliar o público lector en galego, e con este fin crearon, por vez primeira, coleccións editoriais, estratexias de mercado e campañas de publicidade.”

Manuel Bragado: “Entrei na edición de forma fortuíta, volvín ao ensino de xeito natural”

Entrevista de Manuel Veiga e Manuel Bragado en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): A súa é unha vida de editor, pero comezou como mestre.
– Manuel Bragado (MB): O meu primeiro emprego foi en Vivas, unha academia da rúa do Príncipe, en Vigo. Foron tres meses de 1983. O 23 de febreiro produciuse a expropiación de Rumasa, cando Miguel Boyer era ministro e Felipe González, presidente. A directora da academia pasou por todas as clases dicindo: “Niñas, acaba de llegar el comunismo a España”. Eu entrara naquela academia en teoría como psicopedagogo, pero daba clase de lingua española. Outro día, a directora paroume nas escaleiras e díxome: “Mire como va vestido, van mejor los albañiles”. Na Semana Santa decidín preparar as oposicións de Preescolar. Púxenme a chapar e díxenlle a dona Remedios Vivas que marchaba. Montoume un cristo. Aprobei co número un. Sempre fun moi vehemente cando me comprometía con algo. Por certo, era a primeira vez que se convocaban e a primeira vez que se lles permitía aos homes dar clases de preescolar. (…)
– B: E despois xa veu Xerais.
– MB: Foi un pouco casual. Chegoume pola vía da Revista Galega de Educación, o meu primeiro proxecto importante. Como era o membro do Consello de Redacción que vivía máis preto da editorial, encargábame de facer o seguimento de cada número. Así, no 86, coñecín o equipo de Xerais de Luís Mariño, a Xosé Manuel Crego, Celia Torres, Siro Iglesias… A min chamábanme “o da revista”. Xerais publicábaa porque quería que a súa liña educativa, que levaban Agustín Fernández Paz e Xosé Lastra, fose o máis coherente posíbel. Nun momento de relanzamento buscamos un director para ela e pensamos en Vítor Freixanes, pero tivo un accidente de tráfico. No verán do 90, sendo xa Freixanes o director da editorial, faloume de incorporarme ao equipo para levar a parte educativa. Era o momento da Loxse, unha oportunidade para as editoriais porque había que renovar todos os libros. Díxenlle que non, pero en setembro volve insistir, dime que vai marchar Xela Arias e que necesitan ampliar o persoal de edición. E así entrei no oficio, de forma un pouco fortuíta, e aqueles dous primeiros anos convertéronse en 28. (…)
– B: Con todo, o mundo dixital está aí.
– MB: Eu sempre quixen hibridar o dixital co texto. Empecei o blog no 2005 precisamente para aprender e para ensaiar a escritura hipertextual. E con iso volvo á miña preocupación de sempre pola escritura. Pero esa reconversión sucedeu tamén con outros produtos como os dicionarios. Agora as referencias son o da Academia e o de Rinoceronte, os dous dixitais. Pero boa parte do traballo de minaría anterior fixémolo nós en Xerais, e o ILG por suposto. Nunca fomos capaces de facer rendíbeis os dicionarios dixitais. A consulta na internet, na lectura global, tende ao gratuíto. Aínda que non sucede con todo, por exemplo non ocorre no ramo da medicina ou no xurídico, onde hai que pagar polas bases de datos. Este problema tamén o ten a edición en castelán: tamén Planeta, Random e as independentes. É un problema global.
– B: Tamén se fala moito da crise das librarías.
– MB: Para as librarías a facturación do texto aínda era máis importante, se cadra chegaba ao 80%. E se as librarías van mal ou van a menos iso tamén lle afecta á distribución do libro literario. O sistema literario galego sempre pensou que era autosuficiente, que chegaba co talento dos creadores e para min iso é máis complexo. Inflúe a distribución, que se reduciu, cada vez hai menos puntos de venda. Agora colocar douscentos exemplares non é fácil. Podemos chegar ao modelo de ter unha libraría boa, moi bonita, pero só nas cidades. E para o demais está Amazon. Resistímonos a Amazon pero agora é probabelmente o segundo cliente da editorial. O primeiro lugar ocúpao Arnoia, unha das mellores distribuidoras de España, da que as editoras galegas podemos estar ben orgullosas. (…)”