A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) amosa o seu profundo pesar polo recente asasinato en Gaza da poeta e novelista palestina Heba Abu Nada, referente na loita polos dereitos das mulleres.
Heba Abu Nada faleceu o pasado 20 de outubro a consecuencia dun dos ataques realizados por Israel contra a poboación palestina. Na véspera, escribira: “Se morremos, saiban que estamos satisfeitos e firmes, e díganlle ao mundo, no noso nome, que somos persoas xustas do lado da verdade”. Tiña 32 anos, era bioquímica e nutricionista, ademais de poeta e autora de novelas como O osíxeno non é para os mortos.
O seu último poema testemuñaba a situación que está a vivir o pobo palestino:
“A noite na cidade é escura, excepto polo brillo dos mísiles,
silenciosa, excepto polo son do bombardeo,
aterradora, excepto pola promesa tranquilizadora da oración,
negra, excepto pola luz dos mártires.”
A AELG quere reiterar o seu total rexeitamento a calquera forma de violencia e a súa solidariedade cos milleiros de persoas palestinas, moitas delas crianzas, que seguen estando en perigo na franxa de Gaza, tal e como xa recolleu nun comunicado feito público o pasado 15 de outubro, que se pode ler integramente aquí.