A AELG quere manifestar o seu máis profundo pesar polo pasamento de Luz Fandiño, Mestra da Memoria en 2018


A nosa lingua e a nosa cultura, por suposto tamén a través da nosa tradición oral, axúdannos a sermos máis libres e de seguro a sermos máis felices porque contribúen a refacer o noso pensamento. E Luz Fandiño foi quen, nun contexto moi adverso, de vencer as fronteiras do pensamento e acadar precisamente algo de luz, que compartiu con xenerosidade con todas e todos aqueles que a trataron e que usou guiada por un profundo sentimento de solidariedade e xustiza social.

O pensamento foi feito para rivalizar co soño nesta viaxe que todas nós facemos ao imposíbel. E de viaxes ao imposíbel e de cruzar fronteiras soubo moito Luz, nomeada Mestra da Memoria da AELG no 2018, que, entre outras cousas, soubo e puido vencer nesa eterna loita que as persoas libramos entre a condena ao escuro e o desexo da luz.

Luz Fandiño naceu no ano 1931 no barrio do Sar e medrou nunha pequena casa canda a súa nai, súa avoa e súa irmá. Padeceu unha educación fortemente marcada pola fanatismo relixioso e polo fascismo tristemente triunfal daqueles anos. Nos arquivos da web da AELG pódese encontrar a gravación que a Asociación realizou no seu domicilio en 2018 con motivo da distinción de Mestra da Memoria. Nela, Luz explica que a influencia de súa nai e de súa avoa foron determinantes para modelar o seu carácter e combater as miserias daquel tempo.  O que con seguridade foi algo así como unha sororidade de supervivencia, ben antes de que usásemos a palabra: unha sorte de pacto tácito das mulleres da súa familia pra se apoiaren e saíren adiante; e que parece que quedou xa para sempre gravado no seu xeito de ser e de se conducir polo mundo adiante o resto da súa vida.

Luz emigrou con 21 anos á Arxentina incitada polas súas curmás, nunha terríbel viaxe chea de penurias e dificultades a bordo do Santa Fe. Alí bota doce anos en Buenos Aires, doce anos de intenso debate entre a supervivencia, o sufrimento e novas miserias. Pero tamén onde vai adquirir unha fonda conciencia de país a través do contacto co Centro Galego de Buenos Aires e cunha persoa en especial (refírese sempre ao señor Ares, un dos responsábeis da biblioteca e do Centro). Neses anos de penuria hai tamén outras faíscas de máis luz, coas emisións dominicais dunha hora integramente en galego de Radio Carve de Montevideo. Vai ser en Buenos Aires onde Luz Fandiño entra en contacto coa poesía galega, cando descobre a Biblioteca do Centro Galego, marcándoa profundamente a figura e a obra de Rosalía de Castro, ademais de moitas outras autoras e autores. Tamén agromará aí o gusto pola escrita na nosa lingua, hábito que xa a acompañará para o resto dos seus días.

No ano 1963 abandona Arxentina e viaxa a Francia, cunha pequena parada en Vigo. En París vai formar parte do entorno da Casa de Galicia e vai asistir de primeira man aos acontecementos do maio do 68, onde afonda na súa conciencia de clase, na súa condición de muller e se reafirma tamén nos valores do compromiso cos de abaixo e coa loita social. Nese tempo volve con frecuencia cada verán á súa terra para retornar definitivamente ao noso país no ano 1979.

Dende entón, Luz nunca deixou de escribir e de se mobilizar dando guerra e firme na loita, sen deixar de celebrar a nosa lingua e a nosa cultura en todo tipo de actos e foros ao ancho e longo de todo o país. Foi unha extraordinaria comunicadora, declamadora e recitadora, unha dicidora puntual, entre outras, ás súas citas cos solsticios de inverno celebrados anualmente na Eira da Xoana, pero tamén a moitos outros festivais ou eventos que, especialmente nos últimos anos, viñeron recoñecer a súa valía en todos os eidos, sendo celebrada tamén polas novas xeracións, quen identificaron nela unha proxección inequívoca da vontade popular de supervivencia do país e do seu anhelo de superación con plena conciencia de pertenza á clase obreira galega. Con Luz Fandiño marcha unha loitadora, non só pola lingua e pola nosa cultura, senón pola conquista dunha sociedade máis xusta e dun país algo mellor do que encontrou.

A luz do Sol leva miles de anos iluminando o camiño das persoas, pero tampouco é que nos axudase a avanzar gran cousa. É probábel que precisemos outro tipo de Luz, talvez precisemos a luz da lúa. Esa Luz azul que ilumina algunhas das nosas noites e que cae con  respecto e delicadeza sobre as cousas e as persoas e nos pon en contacto co noso lado feminino, axudándonos a mudar o noso xeito de mirar.

Dixo a poeta que non precisamos o renacer do Sol. Precisamos o renacer dos nosos corpos, o renacer da nosa terra, o renacer da nosa lingua… E se tal cousa acontecese algún día, será grazas ao esforzo e sacrificio de moita xente anónima, pero, sen dúbida será tamén grazas a persoas como Luz Fandiño.

Lois Pérez, responsábel da Sección de Literatura de Tradición Oral, en representación do Consello Directivo da AELG, abril dos caraveis de 2024″