Entrevista de María Monteiro a Alexandre Peres Vigo en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Qué é a galaicofobia?
– Alexandre Peres Vigo (APV): É o desprezo, e un menosprezo, cara a todo o que ten que ver coa Galiza, o pobo galego, a lingua e a cultura tamén.
– ND: De onde vén?
– APV: Carolina Michaëlis hai máis de 100 anos xa se refería a isto, tamén as Irmandades da Fala e o Pai Sarmiento. A orixe foi a rivalidade política que houbo entre os poderes do Reino da Galiza e o Reino de Castela. Nós eramos un reino que podía rivalizar coa hexemonía que podía chegar a ter Castela. Unha vez que se asenta a hexemonía política castelá, nós non deixamos de ser unha ameaza potencial no terreo político porque as clases dirixentes tiñan moita forza. De aí que se cree un discurso contra todo que ten que ver co pobo galego.
– ND: Como vai evolucionando?
– APV: A galaicofobia evoluciona pero continúa no tempo. No século XV, os galegos, especialmente os nobres, eran demonizados como salvaxes. Tamén se dicía que a nosa lingua era áspera. Pouco a pouco, os galegos deixaron de ser esa ameaza e foron considerados submisos e servís, aínda sen selo. Continuou esa galaicofobia, pero máis como un menosprezo. Empeza a asentarse un sentimento de superioridade, de supremacismo en Castela a respecto dos galegos. A literatura española do século XVII déixao moi claro.
– ND: Houbo contestación a estes ataques?
– APV: A galaicofobia nace principalmente nas elites en Castela, pero despois vaise espallando cara ás capas máis populares. Teñen un medio de difusión moi potente nos seus escritores. Con todo, ao longo dos séculos, erguéronse bastantes voces para denunciar e desmentir iso, mesmo na Ilustración, desde un punto de vista categórico e case científico. (…)”