O rural cobra un papel protagonista no último poemario da autora paramesa Lorena Souto

Entrevista de Antón Escuredo a Lorena Souto en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): “Son unha escritora de procesos demorados, en certa medida porque ao longo deses anos pasaron moitas outras cousas na miña vida”, recoñece Lorena Souto cando se lle pregunta polo espazo temporal que transcorre entre libro e libro. “Vivín no estranxeiro cinco anos, escribín e publiquei unha tese, mudei logo de país, traballei en cousas moi diversas e pasei por dúas oposicións”, agrega.
Coa escrita tamén realiza un proceso no que “os textos van collendo forma amodo”. Nel, indica, “ás veces son ideas que son como unha obsesión, mais até que queda un libro co que eu estea conforme hai moito proceso de expurgo e de cambio”. Neste sentido, compara ese momento da obra como “o levedar do pan até que está listo”.
O libro xorde como unha ampliación de Coleópteros, o seu anterior traballo, no que retrata un mundo onde non existen as palabras para entender o mundo que se representa e que está instalado no rural galego. “Agora, neste libro, miro máis como funciona a comunicación nese lugar onde se centra a poética até constatar que hai un código diferente que se basea noutras dinámicas comunicativas”, sinala a poeta. Así, na obra colle relevancia a interpretación dos silencios ou dos xestos.
“Hai un intento de comprender a comunicación máis aló do que se di explicitamente”, asegura Lorena Souto. Para tratalo remítese á súa propia familia, onde acha “situacións relevantes que non se verbalizan”. Con todo, a autora prefire “que cadaquén interprete e atope o que necesite”, polo que admite que os seus poemas “deixan bastante espazo para que quen lea colla o que se suxire”. (…)”