Lorena Souto: “Supoño que teño unha certa obsesión con como construímos a nosa percepción da pertenza”

Entrevista de Montse Dopico a Lorena Souto en Praza:
“(…) – Praza (P): Que son os rituais en Coleópteros? Por que teñen tanta presenza no libro?
– Lorena Souto (LS): A nosa vida cotiá está chea de rituais. Na aldea moitos deles teñen que ver cos tempos da colleita e outros aprovisionamentos de comida, coa transmisión desas destrezas de xeración a xeración e dos traballos realizados en comunidade. En Coleópteros a voz poética céntrase naqueles que lle resultan máis difíciles porque teñen que ver coa morte, con atar e desatar lazos cos animais e con matar para comer.
– P: A dor está tamén moi presente: a dor das mans xeadas, a posible dor de magoarse cando non se sabe facer ben unha tarefa… Que é a dor neste poemario?
– LS: Algúns dos poemas céntranse na dimensión física das experiencias, no corpo, no tacto. Todo deixa pegada no corpo. Doe, desgástase. Pero interesábanme aínda máis outras dores das que non se fala tanto, o mal que se pasa cando se aprenden algunhas tarefas.
– P: Xunto coa dor, a violencia, a vida e a morte e o alimento. “non quero estilizar a violencia”, di un dos versos. Faime pensar na matanza de animais e posterior tratamento da súa carne, sangue… Que si conectan a vida e a morte, o alimento e os afectos, (ese tipo de traballo como un acto social, familiar…). Como se relacionan neste poemario a idea do alimento (ao que no principio se di que se renuncia), e a violencia?
– LS: Varios dos poemas xiran precisamente arredor dese tipo de experiencia. Trátase de reflexionar sobre algo que en si me resulta familiar, pero que precisa de algo de distancia para amosa os debates internos, as emocións e os razoamentos que calquera de nós pode ter nesa situación.
A miña nai só comezou a encargarse de matar as criaturas que comemos cando a miña avoa faltou e non o puido facer máis. Custoulle. Eu son a seguinte da cadea e debátome. Hai unha violencia que non se pode negar, pero ao longo do proceso completo tamén hai coidado, e moitas implicacións culturais. Non se expón ningún tipo de xuízo, interésame pensar sobre os mecanismos que desenvolvemos para lidar con iso. (…)”

Coleópteros, de Lorena Souto, acada o primeiro premio no VI Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde Crónica3:
“O Concello de Mondoñedo fai público os gañadores do VI Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, concurso que vén de ser fallado. A obra Coleópteros, da autora Lorena Souto, natural de O Páramo, resultou gañadora deste certame. A galardoada obterá un premio de 1.500 euros, placa e diploma.
O segundo premio, dotado con 600 euros, placa e diploma, recaeu na obra Álbum da que é autor Emilio Salgado Freire de Betanzos. Pola súa banda, Xosé Ramón Sánchez Varela, de Carballo, acadou o terceiro premio, dotado con 300 euros, placa e diploma, coa obra Queiroas.
A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo, que se celebrará o sábado 25 de novembro, segundo o seguinte programa:
-12.00 horas; Recepción oficial na Casa do Concello.
-12:15 horas; Ofrenda floral ante a tumba do poeta.
-12:45 horas; Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.
O Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro chega a súa sexta edición tras nacer coa finalidade de honrar a memoria do escritor mindoniense e, asemade, colaborar na promoción da escrita poética en lingua galega e na divulgación das súas autoras e autores.
A sexta edición deste premio, convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, estivo marcada polo gran número de participación de obras, con preto de 100 orixinais recibidos.”